Fala coma quen di unha ninguén, unha moza de aldea, allea aos devires da política muxiana que olla todo dende un prisma sesgado, seguramente polarizado pero con sentido crítico. Unha mirada foránea, que olla a enésima (ou décima) polémica que acontece neste municipio de apenas 4.500 habitantes. Monolitos. Palabra normativa que para os que no estean familiarizados co tema vén significando uns paneis informativos chantados no entorno da Barca. Así, sen eufemismos nin escusas. Ao parecer, foron instalados como trámite para conseguir unha subvención. Eu só penso nos meus dereitos como contribuínte para que se gasten eses cartos en algo tan superfluo.
Tamén penso no entorno da Barca, onde estes monolitos parecen epitafios repartidos polo medio das rochas, da morte sen motivo do sentido común. Eu hoxe non falo de política, nin de opinións partidarias, nin de culpables ou nomes propios. Penso que, por uns e por outros, todo está sen varrer. Falo do despropósito de modificar un emblema de Muxía con algo tan artificial como son estes postes. A xente que vén de fóra non precisa ir lendo nestes carteis o nome de cada pedra. O bonito do turismo é que a xente foránea escoite as historias de cada pedra da man da xente do lugar. Fíxense que hai cousas que non precisan nin carta de presentación nin transcrición que exceda os límites.
Di a lenda que a Virxe da Barca arribou en Muxía deixando as pezas da súa embarcación como pedras, co ánimo de insuflarlle alento a Santiago. Coido que, se tivese que volver estes días, sentiríase abafada e ofendida pola depreciación que sufriu a que poderíamos considerar a maior reliquia natural da comarca.