
O prazo para enviar os relatos ao concurso rematará o vindeiro 30 de novembro
23 nov 2024 . Actualizado a las 05:00 h.Rocío Moreira, Clara Añón, Martín García, David Moreira, Lidia Loureiro, Martín Rodríguez-Castro, Manuel Fuentefría, Jesús R. Rodríguez, Alejandro Leis, Hadrián Romero, Laura Cambeiro, Camilo Pablo Rodríguez, Xiana Castiñeira, Samuel Antelo, Alberto Pérez, Adrián Varela, Bruno Martínez, Iria Álvarez, Mariña Vázquez e Sara Fernández forman xa parte da historia do certame Contos de Nadal de La Voz de Galicia. Son os 20 gañadores das outras tantas convocatorias do concurso literario, e axiña serán 21, pois está en marcha unha nova edición. Queda tan só unha semana, ata o 30 de novembro, para facer envío dos relatos que seguirán nutrindo a traxectoria dunha cita xa moi consolidada.
Para onde irá este 2024 o galardón? Na quenda do 2023 viaxou ata o colexio Labarta Pose de Baio, un centro dende o cal a súa directora, Sinda Cundíns, agradecía na entrega de premios esta iniciativa que «axuda a atopar talentos literarios, naturais e adquiridos». Ese é precisamente o fin do certame, o espertar e desenvolvemento da imaxinación e da escrita, sen perder obviamente de referencia as datas nas que se convoca, o Nadal, nin tampouco a importancia de seguir escribindo, e escribíndolle, á Costa da Morte. Poden participar neste concurso alumnado de terceiro e cuarto de primaria —segundo ciclo— de todos os centros educativos da comarca.
Radio Voz e EDP Renewables e Fundación EDP, co seu patrocinio, contribúen a facer posible esta cita para a que se piden contos relacionados co Nadal e unha extensión máxima de 1.500 caracteres. Os traballos, sempre correctamente identificados —nome do autor, curso e colexio—, han de ser enviados, ou ben por correo electrónico (eventos.carballo@lavoz.es) ou ben fisicamente á delegación de La Voz en Carballo: rúa Gran Vía, 84, primeiro, 15100. Unha vez rematado o período estipulado para o envío, un xurado encargarse de ler todos os traballos, seleccionando un total de dez. Agasallos e diplomas recompensarán ese talento, ademais da publicación íntegra dos dez textos nas páxinas deste xornal, o propio día da entrega de galardóns. «Contos para ler hoxe e gardar sempre», dixo Xosé Luís Vilela, director de La Voz, na última das cerimonias.
Un impacto positivo na escola e na sociedade da man de EDP e a súa fundación
A Costa da Morte «é lingua, cultura, paisaxe, irmandade». Foi as palabras que lles deu á ultima remesa de premiados o secretario xeral da Lingua, Valentín García, quen sempre fai fincapé, ademais, na unión de forzas, públicas e privadas, para impulsar iniciativas deste tipo, alicerce para o emprego do idioma. Orixinalidade da historia, redacción, nivel literario e proximidade coa Costa da Morte e co Nadal serán as cuestións que teña en conta o xurado. Non sería posible todo isto posible sen o patrocinio, xa dende hai moitas edicións, de EDP Renewables e Fundación EDP, entes que fan súa a idea de traballar por promover o benestar e desenvolvemento non só das comunidades nas que operan, senón da sociedade en xeral. Aí se inxire un concurso literario para escolares, buscando un «impacto positivo», afán de responsabilidade social que recollen na súa web. O voluntariado, doutro lado, é un dos programas que máis fortemente se están implantando na firma, buscando un beneficio para o conxunto da poboación, pero también un compromiso dos empregados. Un xeito de adherirse máis a unha terra que, no caso de Contos de Nadal, se fai a través da terra e da imaxinación infantil en torno a ela.