Especial Fin de Ano | Poesía, relatos, novela, divulgación, historia, deporte... Foi un 2024 de creatividade literaria moi viva no territorio Costa da Morte
30 dic 2024 . Actualizado a las 23:14 h.Se o 2023 pechaba con medio cento de obras publicadas na Costa da Morte, este 2024 —tomando como referencia a hemeroteca— fará o propio. Remataba o 2023 con Antoloxía poética de Labarta Pose e a Labarta continuoselle escribindo no ano que mañá conclúe: O poeta da terra, de Polo Correo do Vento.
Balóns a Corveiro, de Gabriel Riveiro; A culpa foi de Zënzar, de Laura Romero; Intelixencia artificial para a sociedade, de Fina Paulos e Óscar Rey; Escola de bruxas, de María Canosa; A toponimia dos celtas brigantinos e doutros pobos da Gallaecia, de Cabeza Quiles ou Balas de papel, de Marta Seone, son algúns dos títulos cos que este 2024 foi dando o adeus. Máis atrás, libros que falan do que fomos, do que somos, e de como somos: Na escuridade das ondas, de Fernando Patricio Cortizo; A carón do lume, de Mónica Prego; A salga en Cee e Dumbría, de Santiago Llovo; As telleiras a Laracha e os cabaqueiros do Baixo Miño, de Xabier Maceiras; Bonhomía, de Gabriel Varela Pose; Los años de la guerra y la prisión provincial de A Coruña: memorial de un recluso, Domingo Quiroga Ríos, de Luís Lamela; Atlas sensorial da Costa Morte, do Camiño dos Faros; Barcos de cabotaje del norte de España, de Ramón García; Brandomil, vila soterrada, de Lino Gorgoso e Abel Vigo; Testemuñas da fe en Bergantiños, de Luís Á. Bermúdez; A Costa da Morte, confín de Europa, de Xan Fernández; Don Emerito, de Modesto Fraga; ou Somos un pobo de artistas, de Xurxo Souto. Do intimismo doutras plumas, unhas xa consolidadas e outras incipientes, xa sexan relatos, poemarios, novelas, diarios e ata manuais, saíron este 2024 Na espiral do opérculo e Animálgama, de Ramón Sánchez; Promesas de otra vida, de Lucy Fidalgo; Alicia no labirinto das sobras, de Guadalupe Vázquez; Os cómaros da vida, de Xosé A. Andrade; Leo con Leo, leo con Lía, de Concha Blanco (tamén reeditou Tita); Uno de nosotros: el asesino está aquí, de Rubén Castillo; Indolente, de Alberto Mancebo; A muller de ollos mouros e intensos, de Marina Gómez; No lo llames amor, de Ainhoa Conde; Horas molladas, de Juanjo Carracedo; Vidas TRANSgresoras, de Ana Escudero; Moito que contar: Depor e radio, dúas paixóns, de Moncho Viña; Os peidos máxicos de Sultán e Detective Ferruchi, de Marta Villar; De centeo e durmideiras, de Rosalía Fernández; Animais de compañía, de Fernando Castro; Masaxe con argán mal pronunciada, de Clara Vidal; Heridas, de Samuel Martínez; ou Esperta do teu sono, de Lola Rontano.
Do Vákner e Pondal a tres obras fotográficas de referencia, as de Ana García, Xesús Búa e Marcos Rodríguez
Os encontros arredor de Eduardo Pondal no espazo Espiral Maior Foro de Carballo frutificaron nun libro esencial para deitar novas miradas sobre o bardo, Dun poema as ardentes estrofas. Tamén novas miradas se poden botar sobre o monstro con O Vákner, que este 2024 chegaba aos fogares convertido en libro e recollendo os contos e relatos premiados ata o momento no certame literario Territorio Vákner, convocado por La Voz de Galicia e Concello de Dumbría. Ano especialmente prolífico, tamén, para as olladas fotográficas, e artísticas. Mención especial merece Ana García, coa publicación Mar de ardora, mar de Galicia, a súa segunda obra sobre este fenómeno de bioluminiscencia. Finis Terrae é o froito da mirada de Marcos Rodríguez, mentres que Xesús Búa lanzou vinte anos de retratos de percebeiros baixo o título Homes e mulleres de sal e ferro. Non será por ideas para regalos de Reis, se por riba se lle suman voces como Rodrigo Costoya ou Manuel Rivas!