Gañadora das tres edicións anteriores dos Premios Galegos da Regueifa, quédase co auditorio de Carballo ateigado. Estará na cuarta edición
05 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Un novo tempo para a regueifa, e dende logo para a regueifa en feminino, do século XXI. Iso representa Lupe Blanco, gañadora dos Premios Galegos da Regueifa nas tres edicións anteriores. Falou en Radio Voz:
—Dá gusto lembrar o auditorio cheo que houbo no 2024.
—Si, totalmente! Como dicimos aquí na Escola de Regueifa de Carballo, a regueifa en Bergantiños está no aire. A xente acórdase daquelas de antigo, teñen ese gusto pola retranca, e agora por riba vén unha rapazada nova que lle gusta e que o pasa ben.
—Que valor lle ve a un encontro así, que xunta iniciativa privada e público en torno á oralidade?
—Que se poña en valor a regueifa, iso polo que loitamos todos os días. O máis bonito, de verdade, é ver un Pazo cheo de público disfrutando máis de dúas horas dun espectáculo de improvisación, mérito dos participantes e das institucións que o apoian.
—Coa súa experiencia, daría algún consello preparatorio?
—Na regueifa é o día, pero máis alá diso, á rapazada nova ou a quen participa por primeira vez, estes días andan algo nerviosos, o que lles digo é que hai que ir tranquilo e con ganas de pasalo ben.
—Formulaba como desexo para o 2024 que, cando menos, fose coma o 2023. Pero é que foi moito mellor! A regueifa levouna nada menos que ata Cuba, ao Congreso Iberoamericano da Décima e o Verso Improvisado.
—Mi madriña! Facendo un símil co fútbol, para unha persoa que improvisa iso foi como xogar no Bernabeu ou unha final da Copa de Europa. Vin xente alí que son verdadeiros astros.
—Seguiu coa Escola de Carballo, e con Enreguéifate. Non lle vai mal á primeira autónoma da regueifa.
—Estou súper contenta. As cousas cambiaron moito nos últimos anos, e para ben. Hai que traballalo, pero cada vez hai máis demanda, pasiño a pasiño foise cara esa profesionalización, que a xente lle dea o mérito que ten. Está moi ben a regueifa da taberna, e hai que conservala, si, pero tamén está moi ben a que se leva ás escolas ou que pode estar nun teatro, nun auditorio. Ese é o noso cometido, e agardo que o ano 2025 aínda veña mellor.
—Queda difícil: no 2024 tamén sentaba as bases da ORU, Orquestra Regueifeira Universal. Música e improvisación cadran.
—Aí está o futuro. Á regueifa hai que darlle unha volta e incluíla nunha orquestra pode ser unha vía. Isto si non que non acontece en ningún outro lugar: non sabes o que vas ver, non sabes que vai cantar o artista, nin de que...
—Outra forma de ir calando.
—Conto unha anécdota. Hai nada, catro rapazas nun centro comercial, de Carballo, berráronme «Lupe, Lupe!» e empezaron a regueifar. Pensei alí que estamos creando escola, creando semente. A regueifa está no día a día, tamén nun centro comercial.
—Que segredo ten para ser esa ponte da regueifa cos novos?
—Aprendín de amigos e mestres, Xurxo Souto e Manolo Maseda, docentes. É a maneira na que ensinan, é facelo con emoción. Penso que esa é a palabra máxica. E ven que iso que lles mola, o rap ou o freestyle, poden facelo na súa lingua, e do que eles queiran.
—Que diría Blanquiño se a vise?
—Non sei se me daría os parabéns, porque a el non lle valía calquera para regueifar, pero, máis alá de que sexa unha neta ou unha bisneta, creo que estaría contento de que a regueifa non morra.