Valentín García: «A oralidade é algo artístico, tardaremos moito en ver máquinas improvisando regueifa»

p. blanco / f. rodríguez CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCIA

O secretario xeral da Lingua destaca o potencial deste xénero para traballar a lingua en ámbitos diversos

07 ene 2025 . Actualizado a las 19:06 h.

Comezou un novo ano, o 2025, e aínda que con algunha nova ben triste, tamén trouxo felices anuncios. Un deles, o da cuarta edición dos Premios Galegos da Regueifa ou, o que é mesmo, o certame Espalla Rimas. Será este sábado 11 de xaneiro, ás seis da tarde, no Pazo da Cultura de Carballo, capital de Bergantiños e, por tanto, capital desa comarca que é berce de improvisación oral. Promove estes premios o xornal La Voz de Galicia, co patrocinio de Nauterra, Concello de Carballo e Xunta, a través da Secretaría Xeral da Lingua. Falou en Radio Voz Valentín García (1970), secretario xeral da Lingua e, por afluencia de visitas, case un veciño máis da Costa da Morte:

—Ás portas dun ano que comeza, que balance fai do 2024 en materia do seu departamento?

—Foi un ano de moita actividade, non deu tempo a aburrirse nin un só día. Para os que traballamos en lingua e cultura, cada xornada, tamén fins de semana, festivos e vacacións, son días hábiles. No ámbito da lingua, precisamente, foi un ano moi intenso, marcado por dous fitos. Por un lado, a publicación das enquisas do Instituto Galego de Estatística, que se publican cada cinco anos, e que nos deron uns resultados que, aínda que agardabamos en certa medida, non dese xeito acentuado, ese crecemento do monolingüismo do castelán en Galicia, marcado por moitas cousas, a chegada de xente de fóra, o aumento da poboación nas áreas urbanas e periurbanas... Doutro lado, foi un ano de conformación dun novo goberno na Xunta e dun cambio na Consellería que ten as competencias de lingua. A lingua por primeira vez está no nome da Consellería: Cultura, Lingua e Xuventude. Dentro da preocupación pola lingua nas novas xeracións, na transmisión familiar, nas novas tecnoloxías, foi un 2024 de concienciación e mobilización: o idioma témolo que coidar entre todos, é un chamamento social ao seu uso.

—Premios Galegos da Regueifa. Xa está aquí a cuarta edición. Regueifa e lingua, moito que ver.

—Si, claro. A lingua é unha parte fundamental da regueifa, e a regueifa é un instrumento clave para a creatividade, a oralidade, a tradición interxeracional. É un xénero que dá moito xogo, coa súa parte lúdica, pero tamén académica, docente... Préstase para traballar a lingua en ámbitos moi distintos, por iso nos interesa tanto, e velaí, penso, o éxito da súa recuperación e do seu florecemento. Hoxe a regueifa está xa presente en moitos puntos de Galicia e este Espalla Rimas en Carballo é un pouco como a gran final da regueifa anual en Galicia. Encantados de promovela xunto con entidades como Calvo-Nauterra, Concello de Carballo e La Voz e Radio Voz, claro.

—Poderá estar?

—Salvo imprevisto, sempre vou, aínda que de vez en cando me toque algunha referencia nesas regueifas [ri]. Os que estamos na vida pública xa sabemos que...

—Pero van con cariño.

—Moito, si. Por iso no saio da Costa da Morte, por ese cariño.

—Lingua, actualidade, rapidez, orixinalidade, dominio do público... A regueifa é unha arte total.

—Unha arte escénica, tamén, de representación. E logo está a perspicacia dos temas, a regueifa nunca é igual un ano que o outro, a actualidade coa que se pican ou responden vai mudando. Non é algo anquilosado no tempo.

—Semella que estamos dándonos conta de toda a riqueza que tiñamos aí gardada, ¡e por fortuna non chegamos tarde!

—Efectivamente. A regueifa é un exemplo diso. Estaba supeditada a certos lugares, á Costa da Morte e sur da provincia de Pontevedra, pero hoxe en día practícase en moitos sitios grazas ao traballo feito por modernizala, actualizala, levala aos centros educativos... Todo ese esforzo, ese activismo da xente, fai que un auditorio como o de Carballo quede pequeno un sábado pola tarde, que foi o que pasou na última edición dos Premios, e xa non é pouca cousa.

—Ata nunha viaxe a Palma lle preguntaron pola regueifa.

—Certo, nun congreso de linguas peninsulares e europeas. Foi un grupo de rapaces dedicados a promover o catalán a través de xéneros modernos, rap, trap... Quedaron admirados da regueifa.

—Este ano houbo representantes da regueifa galega en Cuba. E de Cuba viñeron aquí non hai moito tamén. Tal vez sexa esaxerado falar de viaxes de improvisación oral, pero movemento haino.

—Non me parece tan aventurado. A oralidade, aínda que sempre a tivo, ten cada vez máis importancia. Xóganse nela a comunicación, as vendas, a proxección persoal e colectiva... Por medio da intelixencia artificial podemos facer algo semellante á voz humana, pero tardaremos moito en ver ás máquinas improvisando regueifa. É algo artístico, imaxinativo, e iso só pode saír da intelixencia humana. Falamos dun encontro, ás veces elegante, ás veces agre, falamos de desafío... Iso é a regueifa.

«Deses cinco millóns de visitas que temos, o 70 % considérase turismo cultural» 

Coma sempre nas súas estadías nesta comarca, non deixa Valentín García de incidir en que a Costa da Morte é a zona con maior índice de galegofalantes.

—Estamos na Costa da Morte expectantes polo 2025. Véñennos as Letras para aquí, con esa dedicatoria á poesía oral e, particularmente, ás cantareiras. Rosa e Adolfina Casás, Eva Castiñeira e as Pandeireteiras de Mens.

—Estamos traballando no deseño deste ano, que agardamos moi intenso. Na Costa da Morte, dende logo, pero o fenómeno da tradición oral espallarase por Galicia enteira. En todas os lugares, parroquias, concellos, hai grupos de música tradicional, pandeireteiras, contacontos, cantores... Será un ano moi participativo.

—Que impacto teñen as Letras Galegas a nivel social, turístico?

—Somos un dos poucos países do mundo que ten un día festivo para dedicarlle ás súas Letras. Iso xa dá unha idea da forza que teñen as Letras na nosa cultura. Actos no escolar, no administrativo, no popular, no familiar... A nosa literatura ten unha grande vitalidade, só hai que ver a cantidade de Premios Nacionais que temos, ou a presenza en feiras internacionais... Dentro deses cinco millóns de visitantes que temos todos os anos o 70 % considérase turismo cultural. Os Camiños, o románico, a paisaxe... Cultura, lingua e música propias chaman moitísimo a atención. O galego ensínase en corenta universidades do mundo, de fóra de Galicia, dende Rusia a Estados Unidos.

—Ademais de co índice de uso do galego, con que queda da zona?

—Cunha xente amable e próxima, e tamén coa paisaxe, a gastronomía ou a forma de vida. Coas cousas que facedes, dunha forma moi sincera e honesta. Somos o país do sol poñente, e aí está tamén a forza da Costa da Morte, onde ver poñer o sol non é outra cousa que coller enerxía para o día seguinte.