A importancia das vacinas

Marisol Soneira

CARBALLO

ANA GARCÍA

En primeira persoa | Escribe Marisol Soneira | Cando se fala de cousas que supoñen volver ao chamanismo, mellor estar calados

19 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Eu teño unha costume que, para moitos dos meus amigos e familiares, é macabra. Cando visito un cemiterio acostumo percorrer as tumbas, sobre todo as dos cemiterios antigos que, por norma xeral, ocupaban os adros das igrexas, para ler o que poñen as lápidas. O meu interese é puramente informativo, porque da lectura das lápidas obtense información moi relevante da socioloxía e da historia das persoas alí depositadas e da sociedade que lles tocou vivir. En moitas figura incluso a causa da morte.

O primeiro que se constata é que na Costa da Morte e en toda Galicia en xeral só se falaba un idioma: o castelán. Son practicamente residuais os textos en galego nas lápidas ate tempos moi recentes, e aínda así seguen a representar unha porcentaxe ben cativa.

O segundo é que, dende os anos setenta cara aquí, practicamente non morren nenos nin persoas de menos de sesenta anos por enfermidade. Se alguén figura falecido con trinta ou corenta anos é por accidente, principalmente de tráfico. Por iso nos resulta tan traumática a morte de persoas relativamente mozas que falecen por unha doenza a idades relativamente temperás.

Ana García

Hai escasos días vivimos a morte dunha rapaza nova en Camariñas como un golpe colectivo a toda a sociedade; como algo inexplicable e descoñecido en tempos recentes e só lembrado nas sobremesas cando os avós nos contan a súa mocidade.

Este fenómeno extremadamente recente na historia da humanidade solo ten unha explicación: a evolución da medicina. E, dentro da medicina, a universalización das vacinas como instrumento fundamental da prevención de enfermidades que asolagaban a poboación do mundo de xeito periódico. Este logro fundamental fixo que a mortaldade infantil, sobre todo nos países desenvolvidos ou en vías de desenvolvemento, sexa practicamente nula e a esperanza de vida duplique en moitos países a dos seus avós.

Se alguén pon en dúbida esta apreciación miña, puramente empírica e froito da observación, recoméndolle unha visita ao vello cemiterio de Cereixo. Alí, atopará lápidas de todo tipo, algunhas delas antiquísimas, onde se recolle cal era o cadro sanitario a principio do século XX sen ir moito máis lonxe. Hai lápidas onde figuran varios membros dunha mesma familia, dende nenos lactantes ate persoas de tódalas idades mortos nun breve intervalo de tempo.

Persoas de vinte, trinta, corenta ou cincuenta anos son numerosísimas e persoas de idades superiores aos setenta anos son máis ben escasos. Esta tendencia cambia radicalmente a partir da década dos sesenta e dos setenta do século XX.

O único feito diferencial que fixo posible este salto sen precedentes na saúde humana foi a universalización e democratización das vacinas. Por iso chama a atención tantísima xente que teñen comprado as fábulas negacionistas de xente que negan as evidencias patentes na súa propia experiencia vital. A inmensa maioría dos que negan os efectos beneficiosos da vacinación como instrumento fundamental dos niveis de saúde que hoxe disfrutamos son produto, precisamente, das tan denostadas vacinas. E non é só cousa de persoas desinformadas ou de pouca formación académica. Ao contrario, atopamos neste gremio apocalíptico a xentes que teñen unha inmensa capacidade para influír na sociedade. Incluso a algún deles pretenden nomealo ministro de sanidade da primeira potencia do planeta. Se ben é certo que o falar non ten cancelas, cando se fala de cousas que supoñen volver ao chamanismo sanitario ou aos menciñeiros dos nosos avós, mellor estar calados, por favor.

Marisol Soneira

María Soledad Soneira Tajes naceu en Camariñas o 10 de decembro do 1954. Política galega do PSdG —retirada da primeira liña dende o 2018—, cursou estudos de Ciencias Políticas e tivo tamén unha fonda relación coa artesanía. Máis aínda co encaixe da súa vila natal. Non acabaran os 90 cando accedeu ao Parlamento. Emigración ou Medio Rural foron algunhas das súas áreas máis destacadas, chegando a ser vicepresidenta da Cámara. Foi elixida deputada nas autonómicas do 2001 e tamén nas do 2005, 2009 e 2012, coa Costa da Morte como prioridade. Nunca perdeu vínculo con Camariñas nin coa súa sociedade e veciñanza, mesmo asumindo no seu día a presidencia da comisión do Carme, a meirande celebración desta vila que mira ao mar, un dos corazóns mariñeiros da Costa da Morte.