Os cursos de formación médica continuada na Costa da Morte: unha iniciativa pioneira en España

braulio pérez astray

CARBALLO

De esquerda a dereita, os doutores Pose Romero, Pérez Maroño, García Caridad, Lado Romero e Reyes Oliveiros. A imaxe foi tomada nun dos cursos celebrados na Casa Ovidio de Baio, na rúa principal, onde tamén Maroño tiña consulta. Neste caso, en maio de 1986
De esquerda a dereita, os doutores Pose Romero, Pérez Maroño, García Caridad, Lado Romero e Reyes Oliveiros. A imaxe foi tomada nun dos cursos celebrados na Casa Ovidio de Baio, na rúa principal, onde tamén Maroño tiña consulta. Neste caso, en maio de 1986 ARCHIVO PÉREZ ASTRAY

Historia sanitaria comarcal | Os doutores Manuel Pérez Maroño e José María Pose Romero asumiron en 1963 a dirección da Xunta Comarcal de Médicos de Corcubión e puxeron en marcha unha novidosa e útil actividade, centralizada en Baio

01 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

En 1963, os doutores Manuel Pérez Maroño e José María Pose Romero asumiron respectivamente a presidencia e a secretaría da Xunta Comarcal de Médicos de Corcubión. Ambos doutores, sendo aínda moi novos, eran xa plenamente conscientes dalgunhas debilidades do colectivo médico da comarca.

Por unha banda, a escasa ou nula comunicación entre os galenos; por outra, a necesidade dun maior vínculo coa Academia para unha axeitada actualización de coñecementos.

Ante tal problemática adoptan dende a Xunta Comarcal toda unha serie de medidas, entre elas a realización dunhas reunións de facultativos da área sanitaria e territorios colindantes.

Aqueles encontros iniciais foron adquirindo grande éxito, pasando a facerse pouco despois de forma sistemática e baixo o formato de cursos de formación continuada. Non se coñecían experiencias similares en Galicia, nin sequera no resto de España.  

En Casa Ovidio

Casa Ovidio, en Baio, foi elixida sede para a celebración dos cursos, e quedaría constituída unha directiva a modo de comisión organizadora integrada por Manuel Pérez Maroño (presidente), Antonio Vidal Martínez (presidente adxunto), Ramón Pérez (secretario), e como vocais: José María Pose, Ramón Vigo, Juan Fernández, José Amado Pedro Tasende, Eduardo Mariño, Manuel Bullón e M. Rodríguez Martínez.

Numerosos especialistas e catedráticos de todo o estado, mesmo do estranxeiro, se achegaron ata Baio para compartir os principais avances científicos e técnicos: Domínguez Carmona, Gestal Otero, Reyes Oliveros, Galdo Fernández, Puente Domínguez, García Ciudad, García-Baquero Méndez, Potel Lesquereux, Villanueva Díaz, Castro Beiras, Lado Romero, Concheiro Carro, Daporta González, etcétera. Un extenso elenco de recoñecidos profesores e profesionais da Medicina.

Como asistentes, ademAis de médicos, participaban tamén farmacéuticos, técnicos especialistas, enfermeiras, comadroas e veterinarios.

As listaxes permiten identificar máis de 120 persoas con presenza regular en Baio: José Astray, Alfredo Astray, María Teresa Astray Romero, María Luisa Lens, José Amado, José Insua, Andrés Oreiro, Orlindo Pérez, Ricardo Santos, Armando Monroy, Alejandro Torres, Modesto Trillo, Ovidio Vidal, Francisco Jaén, Manuel Barral, Fernando Leis, Juan Carlos Díaz del Valle, José Agra Lema, e un longo etcétera.

O derradeiro curso celebrado foi o de 1994-95, coincidindo coa xubilación dun dos seus principais promotores, o doutor Manuel Pérez Maroño.