Feira das Oportunidades, Festival de Bandas de Música e moito máis: hoxe na Costa da Morte
CARBALLO

Ademais, continúan os actos do entroido en Coristanco ou Laxe
07 mar 2025 . Actualizado a las 18:43 h.Comercio, música, entroido ou citas polo 8M: así vén a axenda de hoxe. Tome nota!:
Feira das Oportunidades
Carballo · Dende hoxe, e ata o domingo, terá lugar no Rego da Balsa a décimo sétima edición desta iniciativa impulsada polo Centro Comercial Aberto. Serán 1.350 metros cadrados de exposición, con 26 estands de todo tipo baixo carpa e outros catro de automoción e maquinaria de construción no exterior. Haberá, así mesmo, unha ampla zona infantil e actividades ao longo de toda a fin de semana.
FESTIVAL DE BANDAS de Música
Carballo · O auditorio do Pazo da Cultura de Carballo acollerá esta tarde, a partir das 19.30, o primeiro Festival de Bandas de Música promovido polo Conservatorio Profesional de Música. Participarán a banda infantil e a banda municipal do CMUS carballés e a banda municipal de Brión.
MEMORIA DEMOCRÁTICA
Camariñas · Manuel Monge dará hoxe no salón de plenos de Camariñas unha conferencia titulada «Memoria democrática e restos do franquismo». Será ás seis da tarde.
SOLIDARIEDADE
Carballo · Unha unidade móbil da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue visitará hoxe Carballo e prestará servizo de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00, na Praza do Concello. Tamén estará o sábado, mais só en horario de mañá.
GASTRONOMÍA
BioCultura · A Deputación da Coruña estará presente esta fin de semana nunha nova edición da feira de ecoturismo e produtos ecolóxicos BioCultura, que se celebrará no recinto ExpoCoruña. No seu estand acollerá, ao longo das tres xornadas, distintas actividades e degustacións, entre as que tomarán parte marcas da Costa da Morte como CAfés Lúa ou A Despensa D'Lujo.
Máis do 8 de marzo
Camariñas · O Concello dará comezo ao seu programa de actividades en torno ao Día da Muller entregando unha serie de recoñecementos a mulleres emprendedoras que puxeron en marcha o seus negocios durante o ano 2024.
Cee · O BNG ceense tiña previsto honrar ás mulleres da man das letras cun acto no que participarían as autoras locais Concha Blanco, Guadalupe Formoso, Junquera López e Rocío Leira, mais o evento foi adiado polo mal tempo.
Zas · Obradoiro de camisetas personalizadas no instituto Maximino Romero de Lema de Baio: ás 10.45, para alumnado de secundaria.
Cabana · O Concello programou para hoxe unha saída a Lugo e roteiro arredor de mulleres ilustres. Partirán pola mañá da Casa da Cultura.
Entroido
Laxe · Como previa á incineración e despedida ao Caietano, hoxe celebrarase diante do Concello un simpático velatorio: ás 12.00.
Coristanco · O polideportivo municipal acollerá hoxe toda unha tarde de diversión entroideira con obradoiros e inchables (16.30), sorteos de agasallos infantís (18.00), a actuación musical de Peque Disco Moc Moc (19.00), degustación de produtos de entroido da man do tecido asociativo (19.30), música tradicional (20.00) ou actividades para público adulto (dende as 20.30).