As árbores son saúde, son vida, son ledicia. Estudantes de Fisterra plantan castiñeiros no monte do cabo. Unha acción digna de eloxio en tempos de tanto arboricida. Hai que ver a perda constante de exemplares en espazos públicos que lucían esplendorosos e que foron deixando espazo ao formigón e ao sol e á chuvia a chorro. Como moito colocan uns espazos cunhas flores ou uns arbustiños para decoración. A motoserra non ten piedade. Non hai moito puiden observar con tristeza como un veciño cortou polo pé unha nogueira que levaba decenios e decenios no seu lugar. E todo por completar un muro de bloques adobiados como cerre de nada interesante. Aquela caroleira, que veu nacer aos avós dos seus fillos, era a maior alfaia do entorno daquela vivenda. Nas fotografías de Ramón Caamaño, en vilas como as de Vimianzo lucían ringleiras de árbores nas súas travesías. Dábanlle un porte tan glorioso que en mala hora decidiron darlle machado para facelas desaparecer para sempre. En Camariñas, no acceso a Cabo Vilán había tamén uns plátanos que cortaron sen moitos miramentos por mor dunha suposta enfermidade. Nin sequera lle permitiron unha etapa de convalecencia para ver se daban superada a doenza. Hai anos, a mesma praza de Carballo estaba moito máis poboada de especies vexetais que na actualidade, por unha razón ou por outra, por unha obra ou por outra, foron caendo. Sería desexable que en futuras intervencións non vaian desaparecendo máis. Polo ben da estética pública, da calidade de vida cidadá e das boas condicións ambientais.