De Bergantiños a Fisterra e Cerceda queren gañar os Contos de Primavera

Patricia Blanco
PATRICIA BLANCO CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Pablo Velay, gañador no 2024, con Xosé Luís Vilela, director de La Voz
Pablo Velay, gañador no 2024, con Xosé Luís Vilela, director de La Voz BASILIO BELLO

Máis de medio cento de textos de nove centros educativos participan na oitava edición do certame literario 

28 abr 2025 . Actualizado a las 00:30 h.

A sorte xa está botada para a oitava edición do certame literario Contos de Primavera, convocado por La Voz de Galicia e Radio Voz co apoio do grupo Calvo-Nauterra. Rematou o venres o prazo para enviar traballos a esta nova convocatoria, dirixida a alumnado de secundaria —de primeiro a cuarto curso— de calquera centro educativo das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra, ademais do municipio de Cerceda, amplo territorio que cobre informativamente a redacción de Carballo, promotora deste certame de escrita escolar.

A chamada tivo o seu efecto, pois das tres comarcas, e do municipio de Cerceda, houbo participación. O xurado desta oitava edición de Contos de Primavera terá que revisar 57 textos chegados dende o instituto Terra de Soneira de Vimianzo, EFA Fonteboa de Coristanco, IES Pedra da Aguia (Camariñas), CPI O Cruce de Cerceda, instituto Maximino Romero de Lema (Baio), CPI Alcalde Xosé Pichel (Coristanco), IES Alfredo Brañas de Carballo, IES Eduardo Pondal de Ponteceso e colexio Manuela Rial Mouzo de Cee. De lado de centros como este último, histórico participante tanto neste concurso como na convocatoria Contos de Nadal, hai centros que se estrean, como o Alfredo Brañas de Carballo ou O Cruce, algo que a bo seguro haberá que agradecerlle non só á vontade dos estudantes, senón ao alento que lle teñan dando esas «mans ourives» que son os profesores, como se ten incidido nas entregas de premios.

Quen relevará a Pablo Velay no podio do certame? El, alumno do Manuela Rial Mouzo de Cee, foi no 2024 o gañador de Contos de Primavera coa historia dunha muller fareira. O seu nome sumouse así ao dos rapaces e rapazas que viñeran acadando o primeiro premio nas anteriores edicións: Lucía Varela, tamén do Manuela Rial, no 2017; Hadrián Félix Neira, do IES Eduardo Pondal, no 2018; Enrique Fernández, da EFA Fonteboa, no 2019; Irene Ramón, do Manuela Rial, no 2021 e no 2022, e Luana Sueiro, do instituto Eduardo Pondal, no 2023. Cabe lembrar que non houbo convocatoria no 2020, a causa da pandemia de covid-19. Contos de Primavera naceu co ánimo de estimular a creatividade literaria do alumnado da Costa da Morte, pero tamén co de facer medrar a dimensión literaria deste territorio, un recuncho con moitos motivos, día a día, para dedicarlle unhas letras. Eles xa o fixeron.

A entrega de premios será o sábado 10 de maio, nas instalacións de Calvo, en Carballo

Os traballos chegados dende nove centros educativos —tres máis que o ano pasado— serán estes días lidos e analizados polo xurado, integrado polos escritor e experto en toponimia Fernando Cabeza Quiles, o docente José Antonio Viña, o sociólogo Santiago Pazos, o delegado de La Voz en Carballo, Xosé Ameixeiras, e a xornalista Patricia Blanco. Ademais do estilo literario ou da orixinalidade, terán especialmente en conta unha das bases do certame, a referencia a cuestións paisaxísticas, históricas, patrimoniais ou etnográficas da Costa da Morte. Os relatos, ademais, son un xeito de seguir dándolle pulo ao idioma galego na comarca con máis galegofalantaes de Galicia, unha resistencia no contexto dos últimos datos da enquisa do Instituto Galego de Estatística.

Publicación de premiados o 4

De entre todos os participantes seleccionará o xurado dez textos, e todos eles serán publicados nestas mesmas páxinas o sábado 10 de maio, día da entrega de premios nas instalacións de Calvo, na Revolta (Carballo). Os tres primeiros postos, ademais de diplomas como os restantes, levarán agasallo especial. A autoría destes dez traballos máis puntuados coñecerase unha semana antes, o domingo 4 de maio, nas páxinas de La Voz de Carballo.