
Axenda diaria | Terra de Sena reunirá hoxe unhas 500 persoas na vila. Na Laracha será día de andaina contra o cancro e, no resto da Costa da Morte, dunha morea de citas
01 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • Hai xa ben anos que o 1 de maio é Día da Muiñeira en Cee. Tanto así que a de hoxe será a 37.ª edición, organizada pola asociación Terra de Sena. Ademais da formación anfitrioa, por suposto, sumaranse ao encontro outras trece entidades galegas: Trubisquiña de Vimianzo; Palacio do Rei de Palas de Rei; Barlovento, do colexio fisterrán Nosa Señora do Carme; Novo Viana de Cee; Ximiela, de Louro (Muros); Adail, da sociedade San Xoán de Calo (Teo); Escola de Música e Baile Tradicional do Concello de Outes; A Marola, de Mera; o grupo Xaldón da ACD Nerio de Corcubión; Pillabáns, de Xacarandaina; grupo infantil de Pedras Miúdas de Lires (Cee); Xirandaina, de Santiago, e finalmente Abeloura, de Boiro.
Explicaba onte Beatriz Louzán dende a organización que a saída do pavillón en pasarrúas está prevista para as 17.00 horas. Serán unas 500 persoas e estiman chegar á Praza da Muller, o epicentro, sobre as 17.30. Aí, tres veces, todos xuntos, bailarán unha mesma peza, Muiñeira de Ons, e logo comezará o concurso propiamente dito, con dúas categorías, unha para menores de 14 anos e outra para maiores desa idade. En cada unha delas, un primeiro premio de 200 euros e un segundo de 140. Agardan e desexan que o tempo acompañe.
Solidariedade, músicas do Camiño, foliada e máis, hoxe
Ademais do Día da Muiñeira en Cee, estas outra propostas nesta xornada festiva de 1 de maio:
A Laracha • A xunta local larachesa da Asociación Española contra o Cancro (AECC) levará a cabo hoxe unha nova edición da súa andaina, con saída ás 10.45 horas da Praza Les Sables d’Olonne —a explanada do instituto—, que será tamén o punto de retorno. No medio, algo máis de seis quilómetros accesibles, con dificultade baixa. Concello, Centro Deportivo e Social Tempo, piscina municipal, froitaría Sandra, Gadis, e floraría Casbo suman colaboración a esta cita, na que o donativo é de 5 euros para adultos e 3 no caso dos nenos menores de 12 anos. Haberá á saída venda de camisetas e chuvasqueiros e posibilidade de inscrición ata as 10.30.
Muxía • O cámping Lago-Mar, e dende el a cooperativa xuvenil Horta Creativa, está decidida a facer deste punto un espazo cultural. Teñen deseñada para maio unha ampla programación que bota a andar hoxe cunha foliada-cocido a partir das 13.00, animada por Do Rivés e Nin Chica nin Patacón.
Muxía • Como xa se informou onte en detalle nestas mesmas páxinas, o albergue Bela Muxía acollerá ás 19.00 horas o concerto gratuíto Cancións de Santiago, cancións escritas ao longo do Camiño de peregrinaxe. O resultado do traballo de músicos, compositores, escritores e poetas do mundo que suman pasos xuntos, un retiro coordinado pola peregrina, cantautora e antropóloga Kristina Jacobsen. Cita aberta a quen queira.

Carballo • Avanza a Semana da Familia cunha nova cita ás 20.30 no salón parroquial da igrexa San Xoán, desta volta unha charla-coloquio a cargo do historiador de arte Luis Ángel Bermúdez, tamén cantor oficial da Catedral de Santiago. A súa intervención leva por título: Persoeiros ilustres da Igrexa compostelá na vila de Carballo.
Fisterra • As verbenas do Santo Cristo suspendidas por mal tempo comezan a recuperarse hoxe: Assia e discoteca Full.
Treos (Vimianzo) • Reabre con nova xerencia a Taberna de Treos —Casa Landeira—: achéguese a partir das 20.00 horas.