Humor, orgullo, música, letras e máis este venres na Costa da Morte 

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Baio, Carballo, A Laracha, Laxe, Coristanco, Muxía... todas elas son localidades con propostas para hoxe

09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • A semana previa ás Letras Galegas vívese na Costa da Morte con particular intensidade, e aínda máis venres e sábados. A maiores do arranque de Baio ten as Letras —ver aquí—, a axenda do día vén así na comarca:

Carballo • Tarde-noite de música no Pazo da Cultura, onde ás 20.30 horas poderá gozarse do espectáculo Efémeras, da banda Cantometrics. Música inspirada nas fotografías de Ruth Matilda Anderson. Entre os seus integrantes, o carballés Luís Bolón, ou o camariñán Fran Barcia. Tradición, folk, e unha sonoridade moi especial. Pode conseguir as entradas —5 euros— en billeteira.carballo.gal ou no propio Pazo, 90 minutos antes de que comece.

Carballo • Se o tempo non o impide, o autobús da campaña Carballo levámolo dentro volverá estar hoxe na Praza do Concello de 17.00 a 20.00 horas, grazas á colaboración de Autos Costa. Todos aqueles que o desexen poderán posar ao seu carón, a xeito de photocall de orgullo local. Os que o fagan levarán un pin e unha bolsa conmemorativa, ata fin de existencias.

Caión (A Laracha) • Ás 19.00 horas, no centro sociocomunitario da localidade caionesa, inaugurarase a mostra Entre ángeles y aldeas, de Anomar. É este o nome artístico de Ramona Pérez, de Golmar, quen a pesar de levar máis de dous decenios internada neste eido, forxando unha linguaxe visual propia, se estrea no ámbito das exposicións. Acceso de balde.

A Laracha • Segunda parada do 11.º Festival de Humor da Laracha. Ao escenario da Casa da Cultura subirá ás 22.00 horas Federico Pérez coa súa proposta Xa que o sabes, voucho contar (e cantar), un espectáculo para rirse de si mesmo e para que o público ría a través da súa historia de vida, que tamén inclúe cancións populares coñecidas por todos. As entradas, a 10 euros, pódense mercar no Concello ou ben antes da función, se aínda quedasen dispoñibles.

MuxíaAvanza a programación de maio no cámping Lago-Mar, xestionado pola cooperativa xuvenil Horta Creativa. Hoxe, ás 21.00 horas, botará a andar a primeira das semifinais da tamén primeira edición dun concurso de monólogos. Tomarán parte nela Juan Luís García, Belén Tajes, Luís Baña e Alba Castro. «Vide botar unhas risas con nós», convidan os muxiáns.

CoristancoFestexando as nosas Letras é o lema da programación en torno ao 17 de maio en Coristanco. O ciclo contempla para hoxe a presentación da obra Catro relatos curtos de Deus, de Xesús Deus. Na biblioteca, ás 20.00.

LaxeCon actividades previas e xornadas de portas abertas xa hoxe, a seguridade marítima será o tema da fin de semana en Laxe. Mais para este venres hai tamén organizada unha velada de deporte e sabor no pavillón municipal. Promove o Concello o Día do Patín, con dúas quendas: de 16.30 a 18.00 e de 18.00 a 20.00. Entre as 16.00 e as 20.00, ademais, a foodtruck da campaña autonómica Galicia sabe aMar ofrecerá petiscos de balde.

Cabana • O programa No tempo das flores e das letras contempla para este 9 de maio o segundo día da experiencia artística con Leandro Lamas. O ilustrador e alumnado das As Revoltas andan a crear un mural pleno de valores e significado.

Carballo • Aínda que posposta a cita con BioSaúde a causa do mal tempo previsto esta fin de semana, non cesa a actividade do Centro Comercial Aberto. Hoxe, ás 16.00 horas, e retransmitido en directo dende a conta de Instagram do CCA, levarase a cabo o sorteo dos cheques para mercar no local correspondentes á campaña impulsada arredor do Día da Nai.

Carballo • Oportunidade para ser solidario cos que menos recursos teñen. O Banco de Alimentos Rías Altas da Coruña promove unha recollida de alimentos —Mayo Solidario— no establecemento Gadis da avenida de Razo, isto é, no Centro Comercial Bergantiños. Comezará hoxe e continuará tamén mañá, en horario de mañá e de tarde.