
Botan a andar tres días intensos no pobo: «Van converter a localidade no centro comercial e cultural da comarca», avanza o alcalde, Manuel Muíño
09 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Van converter a localidade no centro comercial e cultural da comarca, algo moi interesante». Así avanzou onte o alcalde de Zas, Manuel Muíño, o que pasará dende hoxe a domingo en Baio. Concello de Zas e BaiOn asociación, xa constituída e con Berta Reymúndez na presidencia, uniron forzas para organizar Baio ten as Letras. É unha primeira edición, pero en realidade é tamén un décimo aniversario, porque vén a ser a esencia de proposta Baio ten a pelota —descontos en case sesenta comercios ou establecementos e ruta de tapas—, mais cun amplo engadido cultural ligado a este mes de maio, de aí o do nome: Baio ten as Letras.
Máis alá das charangas itinerantes polas rúas, do teatro de mañá no auditorio ou da ruta de sendeirismo O Carreiro do Río, accesible para todos os públicos, o epicentro de todo será a Praza Jorge Mira, onde se instalará a carpa das Letras. Aí terá lugar a principal novidade, unha Feira das Letras con ata cinco presentacións literarias —ou seis, se finalmente se pode levar a cabo a da veciña Carme Valiña—, librarías con postos de venda ou artesanía ligada aos libros, dende fundas ata marcapáxinas. Así o avanzou tamén en Radio Voz Rebeca Facal, secretaria de BaiOn: «De momento somos cinco na directiva e a xente está colaborando moi ben, está receptiva, había ganas de que se fixese algo».
Tamén Facal ilustra o que se poderá ver en Baio esta fin de semana: «Teñas os anos que teñas, haberá algo para ti. Non hai escusa para no vir a Baio. Pensamos en cousas para todos os públicos e intentamos que así fose, sobre todo para familias». Todos os días merecerán una achegamento á localidade, xa só polos 1.700 euros que se poderán gañar, repartidos en bonos de 500 (un), 400 (un) e 200 euros (catro) mercando nalgún dos establecementos. «É para nós unha alegría que haxa unha asociación que represente aos comerciantes e hostaleiros, podendo programar así cóbado con cóbado», festexou Manuel Muíño.
Seis locais na ruta de tapas pola vila
O Calvario (Albóndigas de tenreira e flan de caramelo), Casa Rogelio (filloa rechea de langostino, serranito Casa Roller, salpicón e postres variados), Trébol (fajita, tosta de xamón e tarta tres chocolates), Río Grande (solombo de porco, peituga de polo e postre sorpresa), Mané (carrilleiras e gulas) e A Lareira (magret de pato) son os seis locais hostaleiros que participarán na ruta de tapas que haberá en Baio dende hoxe ata domingo. A tapa custará 2,5 euros; 3,50 tapa e quinto, e 4 euros tapa e viño. Serviranse as propostas de 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00 horas.
DENDE HOXE A DOMINGO
- Descontos nas tendas: De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00
- Ruta de tapas: De 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00
Mañá
- 11.00. Apertura carpa Feira das Letras.
- 12.00. Presentación do libro «Cantareiras», de Xosé Manuel e Icía Varela.
- De 16.00 a 21.00. Diversión infantil. Rocódromo, Torre de Babes, inchables...
- 18.00. Charanga Noroeste polas rúas.
- 18.00. Presentación do libro «Homes e mulleres de sal e ferro», de Xesús Búa
- 19.00. Presentación do libro «Poemas», de Julia Ures.
- 21.00. Teatro no auditorio. Mostra Labarta Pose: «Segredos de familia e licor café».
DOMINGO
- 09.00. Andaina O Carreiro do Río.
- 11.30. Apertura Carpa das Letras.
- 12.00. Pasarrúas con Churía.
- 12.00. Presentación do libro «IA para a sociedade», de Fina Paulos e Óscar Rey
- 13.00. Pase do mago Antón.
- 13.00. Sesión vermú con Henko.
- De 16.00 a 20.00. Diversión infantil.
- 17.00. Novo pase do mago Antón
- 17.30. Charanga Os Atrevidos, polas rúas.
- 18.00. Presentación do libro infantil «El libro de los abrazos», de Cristina Vázquez.
- 18.30. Último pase do mago Antón.
- 19.00. Presentación do libro infantil «Un viaje por el espacio», de Águeda Antelo.