
O groso do programa cultural bota a andar hoxe logo dunha boa xornada de inicio
10 may 2025 . Actualizado a las 13:17 h.En maio, Baio. O de sempre, pero diferente, con engadido cultural. É o Baio ten a pelota que levaba facéndose nove anos —dez con este—, pero adaptado a este mes de idioma e literatura, de aí o de Baio ten as Letras, organizado entre o Concello de Zas e a recentemente creada BaiOn Asociación. A xente preguntaba pola pelota e a pelota está, cos descontos en comercios e servizos e tapas en media ducia de locais. «Son moitos anos xa, pero enganchouse axiña co novo», contaba onte contenta Sara Montero dende Casa Rogelio: «Houbo máis xente ca un día normal, e iso xa está ben, ves xente nova, que outro día non para. E para a noite conto con ela tamén».
Calquera das súas propostas culinarias —as de todos os locais, en verdade— merece achegarse, pero as filloas recheas de lagostino na súa salsa será éxito seguro. Casa Rogelio ten fama de boas filloas á pedra, e Sara dálle todo o mérito «á nosa cociñeira, Tita de Artón, unha curranta nata».

Tapa a 2,5 euros; tapa e quinto por 3,5 e tapa e viño por 4 son os módicos prezos polos que un pode ir xantado ou ceado con pleno de sabores. Para ese fin poden ir os cartos aforrados nas tendas, con descontos como os de Calzados Paco, 20 % no produto de tempada. Os lemas deste veterano negocio xa son outro clásico, e o deste ano non defrauda: Baio ten as Letras, Paco ten as ofertas. «Vai bastante ben, aínda non pensei que hoxe foramos arrancar así», comentaban cando xa pasaban das seis da tarde. É un dos case sesenta negocios nos que se pode obter cuño para entrar no sorteo de cheques de compra, facendo aínda máis redonda a experiencia, e iso sen contar todo o programa cultural que arrinca hoxe. Con epicentro na Praza Jorge Mira, abre unha Feira das Letras con presentacións literarias, artesanía e máis.
Descontos nas tendas
- De 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00
Ruta de tapas
- De 12.00 a 16.00 e de 19.00 a 23.00 horas. Seis establecementos: O Calvario, Río Grande, Casa Rogelio, Cervecería Mané, bar Trébol e A Lareira (prato especial).
Programa cultural
- 11.00. Apertura carpa Feira das Letras.
- 12.00. Presentación do libro «Cantareiras», de Xosé Manuel e Icía Varela.
- De 16.00 a 21.00. Diversión infantil: rocódromo, Torre de Babel, inchables...
- 18.00. Charanga Noroeste.
- 18.00. Presentación do libro «Homes e mulleres de sal e ferro», de Xesús Búa
- 19.00. Presentación de «Poemas»: Julia Ures.
- 21.00. Teatro no auditorio de Baio