Sesenta anos das Letras Galegas dedicadas a Eduardo Pondal

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

A igrexa de Anllóns acolleu onte un moi especial acto conmemorativo

13 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Fundación Eduardo Pondal, con sede no Couto, Ponteceso, conmemorou este luns os 60 anos do Día das Letras Galegas dedicado ao bardo, no ano 1965, só dous despois de que se instituíse este recoñecemento, no 1963. Foi en febreiro do 1965 cando a Academia decidiu honrar coa súa maior distinción a Eduardo Pondal, a proposta de Domingo García-Sabell. Segundo un texto elaborado para esta conmemoración de onte en Ponteceso polo docente e divulgador Luís Giadás, García-Sabell insistiu en que Pondal daba aos galegos a conciencia histórica de pobo senlleiro, espertaba o sentimento colectivo de comunidade, unidade étnica e lingüística.

Programáronse, pois, para o 17 de maio do 1965 unha serie de actos de tributo, actos moi diferentes aos presentes, e entre eles, como colofón, un recital de poesía pondaliana polos alumnos do Conservatorio de Música e Declamación da Coruña. Os versos elixidos foron os de A Campá de Anllóns.

ANA GARCÍA

Onte, na igrexa de Anllóns, onde tivo lugar o acto, tamén contaron coa presenza do académico Anxo Angueira, presidente ademais da Fundación Rosalía de Castro. Unha cita á que brindaron apoio Concello, Deputación e equipo de Normalización Lingüística do IES Eduardo Pondal. Alumnado deste centro, así como do Maruxa Mallo de Ordes —que concluíron así a ruta pondaliana que tiñan en marcha— participaron deste encontro de lembranza do sucedido hai 60 anos.

Os rapaces, evocando aquela conmemoración, recitaron tamén este luns A Campá de Anllóns. Como recordo desta xornada, a fundación entregou unhas reproducións das campás do Anllóns en Olaría de Buño.