As Letras Galegas enchen auditorios na Costa da Morte 

A. Lestón, T. Longueira CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ANA GARCÍA

Varios festivais clausurarán os cursos de escolas municipais de teatro e música por toda a comarca. Para os pequenos, de iniciativa municipal, a oferta tamén é amplísima 

15 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucas festividades empurran a Concellos e centros educativos a levar a cabo programas tan completos de actividades como a que conmemora as Letras Galegas. Por toda a Costa da Morte haberá movemento cultural con relación a esta homenaxe ás cantareiras, tamén a través da clausura de diversas escolas. En Malpica, por exemplo, pecharán mañá o curso do grupo de teatro infantil ca representación da obra Escola de Bruxas, a partir das 20.30 na Casa da Cultura. A mesma hora e no mesmo sitio terá lugar o sábado Unha de Romanos, que significará a clausura anual do grupo de teatro adulto local.

En Vimianzo, o 24 de maio será o Festival co que pechará o curso a Escola Municipal de Música Tradional, quedando para o domingo 25 o festival da Escola Municipal de Música Moderna. Ambos espectáculos celebraranse no auditorio da Casa da Cultura.

Estarán moi implicados tamén os centros de ensino por toda a contorna. Xa en Carballo, o pasado 5 de maio levaron ás aulas o espectáculo músico, lúdico e teatral Coa Pandeireta na Man, de María Faltri. A mesma obra chegou a Malpica este luns, tamén para o alumnado municipal. Ademais, hoxe organiza o CEIP Milladoiro o seu particular Festival das Letras Galegas, mentres que o próximo martes será o IES Urbano Lugrís o impulsor da «Homenaxe das novas xeracións malpicáns ás pandereiteiras de Mens», na igrexia de Santiago de Mens con actuacións musicais, letura de coplas e ofrenda floral.

De ruta co Vákner

As Letras cántanse, lense, escríbense e, en Dumbría, tamén se camiñan. Así o impulsa o Concello dende o ano pasado, cando se celebrou a primeira edición da Andaina arredor do Vákner, que este ano terá lugar este sábado 17 e que contará coa participación dun cento de persoas. O percorrido ten unha lonxitude de 12,2 quilómetros e dende a organización cualifican a súa dificultade técnica como «moderada», chegando ata os 312 metros de altitude e cun desnivel positivo de 207 metros. A actividade comezará ás 9.30 horas e o lugar de reunión será O Conco. Dende alí completarán un fermoso traxecto no que pasarán polo Camiño xacobeo a Muxía, o río Fragoso, o lugar de Castro, o Camiño xacobeo a Fisterra, a capela das Neves, a figura do Vákner ou o lugar de Figueiroa. Unha oportunidade fantástica para coñecer territorio fomentando a actividade física e festexando as Letras, que un día falaron do Vákner.

BASILIO BELLO

Os rapaces apostan polo teatro, a poesía e os contacontos

A Costa da Morte será protagonista indiscutible nesta edición do Día das Letras Galegas. Dende os concellos, en colaboración cos centros educativos e asociacións culturais locais, programaron un sinfín de actividades nas que os rapaces son uns dos grandes referentes e protagonistas.

Serán doce días de teatro infantil, narracións orais, e espectáculos protagonizados por alumnos de primaria e secundaria. Os contacontos serán, sen dúbida, un dos grandes atractivos, xunto coas obras teatrais. Moitas destas interpretacións gardan relación coas cantareiras. Pero tamén abordan outras cuestións como a liberdade, a dignidade, a importancia de conseguir un soño, o amor... E nada mellor que representalas nos auditorios, casas da cultura ou bibliotecas municipais.

En moitos casos estas interpretacións irán acompañadas de música en directo, como sucederá este venres con motivo do Contacontos Cantando con Pinocho, no mercado cultural de Fisterra. Trátase dunha actuación que se prolongará durante 45 minutos, no que o acordeón e o piano serán coprotagonistas. Cristian Leggiero-Pepino estará ao piano e o acordeón, ademais de ser o responsable dos efectos sonoros e o compositor das interpretacións musicais, mentres que Paty Lesta será a cantante. O fío condutor da historia será Pinocho e os seus amigos Pepino e a Fada dos Cabelos....

Onde e cando

  • Malpica: día 24, de 16.00 a 21.00 horas no Ecomuseo Forno do Forte. «O chintófono de Dorothé» e contacontos. Día 27 ás 12.00, no Centro Cívico: Axúdame a cantar.
  • Dumbría. Hoxe, 10.30 horas. Biblioteca do Conco. Os descontacontos «Galitoon».
  • Cee. Hoxe, ás 11.30 horas. Auditorio Baldomero Cores: «A xanela do Marín. Dende Rosalía ás cantareiras».
  • Fisterra. 17. Mercado cultural, 18.00 horas. «Cantando con Pinocho».
  • A Laracha. Hoxe, 18.00 horas. Casa da Cultura: «Os Contos do gato». Mañá, biblioteca de Paiosaco: «Cantareiras. Poesía popular».
  • Cerceda. 17, ás 12.00 horas. Auditorio, As Cantareiras.