Homenaxe a unha Consuelo dos Queixos eterna

Marta López CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

Seguen soando na Costa da Morte os ecos dunhas Letras Galegas ben especiais

20 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu nome non estivo entre o das sete mulleres que este ano foron homenaxeadas pola Real Academia Galega no nome de tódalas pandeireteiras, mais a súa contribución á conservación do patrimonio cultural oral foi igualmente decisiva. Onte, no pavillón do CEIP Gándara-Sofán, tocou lembrar á eterna Consuelo dos Queixos, cantareira de Berdillo que namorou a grandes referentes da música tradicional galega como Xabier Díaz. Foi este, precisamente, o mestre de cerimonias que conduciu un emotivo acto que participaron familiares e alumnado do centro, así como do CRA Ponte da Pedra.

«É un pracer inmenso para min estar aquí nesta mañá, nunha das capitais do folclore do noso país». Así inaugurou Xabier o acto antes de dar paso a unha actuación do alumnado de sexto de primaria e á proxección do primeiro de tres vídeos sobre a biografía de Consuelo.

BASILIO BELLO

Un deles rematou cunhas imaxes da carballesa sobre o escenario do Teatro García Barbón de Vigo, cando participou nunha gala da entidade O Fiadeiro. Logo de cualificala como unha «interpretación sublime», Díaz contoulle aos asistentes unha entrañable anécdota: «Cando lembro a primeira vez que actuei nese teatro, aínda me tremen as pernas. Aí a tedes [a Consuelo], sen ningún temor e dunha maneira extraordinaria», comentou o popular músico, explicando que naqueles tempos «non era habitual que estas cantareiras saísen do seu entorno máis familiar».

A continuación, subiron ao palco as que Xabier Díaz describiu como «as herdeiras naturais de Consuelo»: as pandeireteiras de Berdillo, unhas tocadoras que se están a asegurar, engadiu o mestre de cerimonias, de que o legado da carballesa quede a bo recado.

A emotiva homenaxe concluíu coa entrega de varios agasallos por parte do equipo directivo do centro: un exemplar do Cancioneiro galego serodio para Arume, unha pandeireta gravada e asinada para os familiares de Consuelo e unha figura dun gaiteiro para Xabier Díaz, que para rematar a velada sumou forzas co alumnado de sexto curso na interpretación de No salón das cereixas, esa peza que el adaptou, precisamente, dunha cantarea da de Berdillo.

BASILIO BELLO

Festival de baile e música tradicional na Laracha

Cunha especial homenaxe para Olimpia de Montemaior, veterana informante, transcurríu o sábado o festival de música e baile tradicional do que tomaron parte as asociacións Queiroga, Arume e Santa María de Torás, na Laracha. «Por todo o que nos ensina cada día, e todo canto nos queda por aprender dela», apuntaron.

BASILIO BELLO

Serán das Letras no Cabo da Vila, en Muxía

A Coral Virxe da Barca, o coro tradicional de Xacarandaina e as Abaladeiras tomaron parte o sábado nun Serán das Letras co que o Concello de Muxía pechou o Día das Letras Galegas. Contou cunha gran participación e non faltaron pezas como o Canto dos mariñeiros de Muxía.

BASILIO BELLO

Ruada nun mar de letras: fin de festa en Mens, Malpica

«Sería bonito que [esas pandeireteiras] visen o inzado que está o noso país de foliadas, cantareiras e xente que quere a nosa música tradicional», reflexionaba Antía Ameixeiras, de Caamaño&Ameixeiras, durante o concerto que este dúo deu o sábado na Ruada de Mens. Participaron tamén Malante e Do Rivés.