
Xulián: Bo día Fran. Como lle vai a Chanclas?
Fran: Boas! O veterinario díxome que desta vez o xabaril deulle ben, pero é un can forte e vai saír adiante. Tiven que soltarlle 800 e pico euros e díxome que me facía prezo, claro, ao ser cliente habitual. Estouche moi cheo! Aínda me veñen as bágoas cando lembro a cabeza e o colar do Pipo, o único que deixou o lobo. Os que claman pola súa protección total, din que eles tamén teñen que comer, pero non sei que dirían se lles fose comer o seu compañeiro. A min tamén me gusta que haxa lobos, pero, como todo, na súa xusta medida. E en canto ao xabaril, xa che digo que eu non vou ir á batida extraordinaria da fin de semana e estou pensando se seguir ou non a tempada que vén. Estou farto de que me dean por todos lados.
Xulián: Compañeiro, non te poñas así. A Mercediñas está que treme polas furadas do porco na leira, e iso que aínda non sementou o millo... Xa sabes: agora temos que estar de «garda» as 24 horas como se fósemos profesionais. Eles poñen as normas sen contar con ninguén, e nós quedamos aos pés dos cabalos. Se non fas a batida, o veciño amólate dicindo que non a fas porque non queres, e os da Xunta dinlle que tes que facela ao haber unha emerxencia cinexética. Aos que fan as normas parécelles que son moi listos, e nós, os parvos. Os cazadores temos os impostos, as licenzas, os seguros, os sinistros da fauna e ata os precintos para o xabaril! E despois déixante tirado e sen mellor algunha. Xa non nos vale o conto de que somos un colectivo imprescindible e prioritario para o control da fauna salvaxe. Se nos queren de compañeiros van ter que poñerse as pilas.
Fran: O que che digo, é que vaias pensando no tema. Só somos oito ou nove na batida, e agora comigo non contes. Síntoo pola Mercediñas, pero tamén tiña que espelir e dicirlles que lle limpen o silveiro que ten ao lado da casa, que os animais fan vida alí.
Xulián: Ela comentoume que falou co alcalde e este díxolle que é cousa da Xunta. E a Xunta, dille que é competencia do Concello. Para chorar. Se lle dan unha escopeta, non sei se empezará a tiros.
Fran: Compañeiro, avisado quedas.