
Potente unión a que suma o papel de acometer un negocio coa enerxía da xuventude, impregnada da capacidade de innovar e captar as necesidades que xorden dos cambios da sociedade.
O emprendemento da mocidade é aínda máis importante nas zonas rurais, clave para favorecer o asentamento de poboación, para xerar riqueza e emprego, e mesmo para coidar do medio ambiente. Porén, isto de enfrontar os retos das contornas rurais e aproveitar as oportunidades emerxentes require dun campo abonado no que os servizos básicos estean cubertos e no que a accesibilidade a internet sexa unha realidade.
Así, os proxectos prenden, por exemplo, de axudas xestionadas polos GDR ou os GALP, que crean estratexias adaptadas aos territorios, e que se complementan con outros programas de apoio á creación de empresas da Xunta de Galicia ou do PEL da Deputación da Coruña. Malia iso, a persoa moza emprendedora ten un percorrido individual, dende a maduración da súa idea empresarial ata que se desenvolve e se fai rendible. A incerteza e o medo ao fracaso impiden, moitas veces, seguir adiante. Nesta fase, aparte do empeño persoal, os Polos de Emprendemento e os Espazos Coworking da Deputación, son ferramentas de acompañamento que axudan a identificar os riscos e a focalizar a idea emprendedora.
O coñecemento sobre o sector e a actividade elixida pódese conseguir con formación, lecturas, asesorías especializadas ou mentores. A Rede Mentoring do IGAPE ofrece apoios neste sentido. Non sorprende que moitos proxectos xurdan das afeccións ou da contorna próxima de quen emprende.
O punto de inflexión provocado polo nacemento da empresa dá paso ao seu desenvolvemento e mantemento nun contexto local e global que é preciso coñecer e integrar no día a día da compañía.
Nesta liña, apóstase pola gobernanza, para que as Administracións e a sociedade apoien o seu tecido empresarial, e polo traballo en rede, para compartir talento e complementarse. O acompañamento axuda a enfrontar os fracasos e a recuperarse dos ciclos baixos.