
































Máis de setecentas persoas tomaron parte na cea solidaria celebrada o sábado
27 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Dicía Julia Blanco o pasado 19 de outubro, no Día Mundial contra o Cancro de Mama, que cando lle ofreceron comandar a xunta local da AECC en Cabana nun principio dixo que non, mais que bastaron uns minutos de reflexión para que acabase tomando a iniciativa. «Na miña casa estábao pasando meu pai. Como podía dicir que non?», rememoraba hai uns meses para La Voz.
Diso pasaron xa 29 anos e aí segue, ao pé do canón ao igual que a equipa de mulleres que a acompaña de xeito incansable. Mulleres que sempre tiveron claro que o obxectivo «é loitar», avanzar, seguir investigando. O vindeiro mes de abril chegarán a ese fito dos 30 anos e festexarano de xeito especial, mais antes aínda tocará organizar esa andaina pola ribeira do Anllóns que haberá no mes de setembro, e descansar desta tan intensa cea solidaria que mesmo acabou por cobrarse a voz da propia Julia.
Onte, xa parcialmente recuperada, quixo agradecer ás máis de setecentas persoas que o sábado pasaron polo pavillón cabanés e tamén ás que, aínda non podendo asistir, achegaron os seus donativos. «Veu xente de tódalas parroquias, pero tamén de concellos dos arredores e mesmo de Sada», apuntou a presidenta, que tamén estendeu os recoñecementos ao alcalde, José Muíño; aos traballadores do Concello e aos comercios e establecementos que doaron os arredor de douscentos agasallos que foron rifados na tómbola solidaria.
«O do sábado non foi unha simple cea ou xuntanza de amigos ou familiares: detrás de todo iso había solidariedade, compromiso e esperanza cos novos tratamentos e ensaios clínicos», apuntou Julia, que animou a tódolos enfermos a sentirse acompañados pola AECC. «Cantos máis sexamos, máis forza faremos», dixo.