As Letras Galegas brillaron tamén en Xenebra cunha emotiva homenaxe á tradición oral feminina

Alejandra Plaza ZURICH

CARBALLO

ALEJANDRA PLAZA

Os actos foron organizados pola histórica entidade A Nosa Galiza

29 may 2025 . Actualizado a las 00:01 h.

Esta pasada fin de semana, Xenebra (Suíza) foi escenario dunha emotiva e vibrante celebración do Día das Letras Galegas organizada pola sociedade cultural A Nosa Galiza. O evento tivo lugar no restaurante Arcoop, un espazo que se encheu de música, memoria e emoción galega.

ALEJANDRA PLAZA

A xornada comezou cunha charla-conferencia que contextualizou a importancia desta efeméride e puxo en valor o papel das mulleres galegas na transmisión da tradición oral. Este ano, A Nosa Galiza quixo render homenaxe a esas mulleres anónimas que, ao longo do tempo, mantiveron viva a riqueza do folclore galego a través do canto, a pandereita e outros instrumentos tradicionais. Elas foron as verdadeiras gardiás dun legado cultural que, grazas ao seu empeño, segue vixente e recoñecido.

ALEJANDRA PLAZA

A parte artística da celebración estivo protagonizada por dous grupos de gran talento e paixón pola cultura galega. Por unha banda, actuou o grupo anfitrión da Nosa Galiza, acompañado á gaita polo músico Alberto Lago. Doutra banda, contouse coa participación especial do grupo invitado chegado desde Galicia para a ocasión: Buxainas vos Pés, de Marín, encabezado polo recoñecido mestre de música Alberto Lago. Este grupo de cantareiras e pandereteiras deleitou ao público cun repertorio baseado nos cantos e ritmos tradicionais transmitidos polas mulleres ás que se rendía homenaxe.

ALEJANDRA PLAZA

Un dos momentos máis destacados da velada foi a posta en escena de Mariña Villaverde Freire, tamén cantareira e pandereteira, coñecida pola súa participación no programa Xuntos da Televisión de Galicia, onde colabora en faladoiros sobre temas de actualidade e en pequenos sketchs humorísticos. A súa presenza achegou unha dimensión máis ampla ao acto, combinando a interpretación musical cunha sensibilidade escénica que conectou profundamente co público.

ALEJANDRA PLAZA

A exposición musical alternouse con temas cantados que evocaban o universo das homenaxeadas, rescatando melodías que forman parte do patrimonio oral de Galicia. Así, a celebración non só serviu para conmemorar o Día das Letras Galegas, senón tamén para reafirmar a identidade cultural galega no estranxeiro, pondo de relevo o valor da memoria colectiva e o papel indispensable das mulleres na súa conservación.