As maceiras

X. Pampina CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Cada vez que pasa un pola retorta de Montecelo é imposible non lembrarse dos rapaces ceibos gozando do verán na vella casa do médico. Descríbeo excelsamente Silvia Tasende na súa novela O espírito das maceiras, unha obra que recolle as vivencias sen posible retorno dunha infancia que se foi esgotando como a auga entre as mans. Uns tempos sen posible retorno e uns mundos que, aínda que próximos, igual xa non teñen reprodución, nin sequera nos xeitos. Era unha infancia desprogramada nunha aldea chea de vida e liberdade, onde o mundo transcorría ao son do ar da paixón guiada por unha inocencia poética. A novela é unha especie de homenaxe a un espazo de ventura. Un traballo literario moi visual, cargado de escenas facilmente imaxinables. É, en fin, un relato cargado de emocións e de personaxes queridos pola propia autora. E que vén moi ao pelo nuns tempos onde parece moi doado desfacerse con facilidade do patrimonio que, como nesta novela, foi o escenario de vivencias inesquecibles. Que prezo lle poñería ao seu paraíso infantil, ao seu pasado, ao apelido, ás súas lembranzas, á súa aldea, á súa noción de liberdade, en definitiva, ó paraíso festeiro? A gran pregunta que vén a formular esta obra que está tendo unha moi boa acollida entre os lectores. E non é para menos. Na etapa de compras compulsivas por internet, con produtos de usar e tirar que che traen á casa e enchen a cotío os contedores de refugallos, non é doado pórlle prezo ás emocións, ás lembranzas, á familia, ao pasado e ás raíces, como valora Silvia Tasende nunha novela con personaxes que habitan a universalidade da felicidade.