Concerto de Sidonie, teatro e arte para este venres 20 de xuño

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

ADRIAN BAÚLDE

Carballo xa entrou nas festas de San Xoán, e outras vilas acollen tamén citas culturais e de ocio

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe • Iniciado xa o San Xoán de Carballo [ver aquí], continúa hoxe a actividade cultural e de ocio na Costa da Morte. As principais citas:

Carballo • Dobre parada coa arte. No programa do San Xoán, precisamente, poderá visitarse dende hoxe no Pazo unha mostra de óleo e cerámica, a cargo de Francesc Aloy Carné. Aberta ata o vindeiro 5 de xullo. As patronais de Carballo traen para esta noite, ademais, un dos concertos centrais deste 2025, o de Sidonie, ás 23.00 horas na Praza do Concello. Discoteca móbil CDC pechará o venres de festa na zona Rego da Balsa, a partir das 00.30 horas.

Por outra banda, a Galería Manolo Eirín, no número 17-19 da rúa Estrela, acolle entre as 10.00 e as 14.00 horas unha mañá de presentación da mostra O futuro será prehistórico, na que madeira, liño, papel, terra e fotografías analóxicas toman o protagonismo «para falarnos doutra forma de mirar o mundo, máis lenta, máis profunda e en certo xeito máis esencial». É unha exposición colectiva, con traballos de Pablo Maojo, de Vari Caramés, Peter Kramer, Tuset e o propio Eirín.

Tamén en Carballo, pero no Casino, ás 20.00, presentarase o libro Ciudad de la Selva, historia e arqueoloxía da guerrilla nos montes de Casaio. Estarán presentes membros de Sputnik Galego, o colectivo que levou a termo a excavación arqueolóxica da Cidade da Selva, nos montes de Casaio, e de Paco Macías (Edicións Positivas).

MalpicaComezan as festas do Corpus e de Santo Hadrián, hoxe con verbena na zona do travelift a cargo da discoteca móvil Mini CDC e do grupo Bomba. En canto a programa musical, a de mañá será a xornada grande. No relixioso, continúan os oficios da novena de Santo Hadrián, ás 20.00 horas na igrexa San Xulián. Tamén en Malpica, pero no CAT de Buño, terá lugar ás 20.00 a presentación do libro La ruta de Eulogio, de Sandra Aldao, mestra nesta localidade do 1992 ao 1995.

MuxíaNo salón de actos do voluntariado, ás 20.00 horas, proxección do documental Camiño Xacobeo Santiago-Muxía por Brandomil, toda unha viaxe audiovisual polo patrimonio e espiritualidade da ruta. Intervirá ao remate Manuel Vilar, patrón da Fundación Brandomil. Oportunidade única.

Sen saír do municipio da Barca, pero neste caso no cámping Lago-Mar, poderá gozarse da banda Zavala, nomeada aos Premios Martín Códax na categoría de Indie: 21.00 horas. Inicia no local unha intensa fin de semana.

CeeDestacadas citas veñen por diante estes días na vila da Xunqueira, mais hai que comezar pola de hoxe, unha das etapas da clausura de curso do alumnado da Escola de Teatro. Na función desta tarde, 20.30, Casa da Cultura, o grupo de infantil representará Asamblea de ratos e O soño dunha noite de verán.