omos conscientes de que os cámpings están a ser unha opción turística cada vez máis consolidada en Galicia, especialmente nos últimos anos, cando están a acadar cifras históricas. De feito, en 2023 alcanzouse o máximo da serie histórica ao rozar os 1,27 millóns de noites nalgúns dos máis de 170 cámpings galegos. Ademais, durante o primeiro cuadrimestre deste ano 2025 a demanda incrementouse un 6,5%. Son establecementos que destacan cada vez máis pola súa calidade e confort grazas ao esforzo compartido do sector e das administracións como a Xunta de Galicia, desde onde levamos anos traballando para adaptarnos ás novas tendencias e necesidades.
Como en todas as tipoloxías de aloxamento turístico, desde Turismo de Galicia, velamos para que ofrezan o máximo confort e para que o sector siga medrando en competitividade, á vez que avanzamos no modelo sustentable que define o turismo galego. E estamos acadándoo a través de distintas iniciativas. Unha das máis destacadas foi a actualización da normativa autonómica que aprobamos no ano 2019 para estes establecementos, que está a permitir regulalos e ordenalos de maneira eficaz. E tamén afondan na súa competitividade e calidade. Os cámpings galegos teñen xa unha clasificación por estrelas de unha a cinco, adaptándonos á UE, e creamos tamén os cámpings especializados que se suman aos de turismo verde xa existentes. Destacan tamén os específicos dedicados ás autocaravanas. Todo isto permítenos achegar una oferta variada que vai desde propostas máis tradicionais ata outro tipo máis contemporáneo coma o glamping, que nos últimos anos engadiron varios establecementos na comunidade.
A natureza, ese factor
Os cámpings galegos están situados en espazos naturais tan diversos como unha illa do Atlántico, no alto dos verdes cumios das serras do interior; ou a pé de praia e en distintos puntos do noso litoral o que os converte nunha modalidade de viaxe idónea para facilitar unha especial comuñón entre quen a practica e a contorna. E ademais, estanse a consolidar como os instrumentos de primeiro nivel para gozar dun amplo abano de actividades turísticas que van desde visitas ao patrimonio a turismo enogastronómico ou termal, sen esquecer o sendeirismo e montañismo, rutas en bicicleta e outras moitas opcións que compoñen unha experiencia única. Somos conscientes da importancia e da responsabilidade dos cámpings na confirmación da nosa oferta futura, na que o goce da natureza segue a ser a prioridade de quen nos visita. Neste sentido, desde a Xunta de Galicia continuaremos brindando a nosa axuda ao sector na aposta por todo aquilo que supoña respectar e dar valor a todos os nosos recursos de natureza.