Máis participación escolar nos Premios Fouciño, que pechou inscrición

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Antía Muíño sumará o seu talento á entrega de premios dos Fouciño
Antía Muíño sumará o seu talento á entrega de premios dos Fouciño ANA GARCIA

O festival será en outubro, mais a programación coñecerase xa en agosto, na Semana Cultural do Concello de Zas 

15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Volveron forte os Premios Fouciño de Baio no 2024, polo que o festival celebrará este ano a súa quinta edición, da que xa se coñecen datas: do 23 ao 25 de outubro. Medra e aséntase o encontro, que vén de pechar inscricións para o seu concurso de curtametraxes, cun total de 34 pezas, 18 na categoría xeral e 16 na escolar. Aínda que a cifra global é algo inferior á do 2024, o máis positivo vén polos filmes de trece centros educativos, un apartado no que se sube.

Como xa é habitual, indican dende a organización, entre as participantes destaca a cifra de curtas feitas en escolas e institutos da Costa da Morte, «produto dos obradoiros de cinema que o equipo dos Premios Fouciño realizou ao longo deste ano para animar o alumnado a participar». A proxección de traballos finalistas está prevista para o 25 de outubro, cunha entrega de premios á que sumará a súa voz a cantautora Antía Muíño. O resto do programa coñecerase en agosto, na Semana Cultural do Concello de Zas, coorganizador.