
Dende hoxe, e por quinto ano consecutivo, volve funcionar este servizo, tamén punto de recollida da revista de pasatempos «A píllara»
15 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Vén de rematar a Praza dos Libros, mais a literatura non detén camiño en Carballo. Hoxe, 15 de xullo, volve reabrir «a biblioteca coas mellores vistas do mundo», que é como reivindican a «bibliopraia» do areal de Razo. A denominada Praia dos libros funcionará por quinto ano consecutivo, de xeito que ademais de bañarse, tomar o sol, practicar surf ou xogar ao vólei, os usuarios poderán gozar cos últimos éxitos literarios ou botar man da instalación como punto de información cultural. Xestionará persoal de Bibliotecas.
Esta mesma Praia dos Libros será ademais punto de recollida da revista de pasatempos A píllara das dunas, así como de salvamanteis con pasatempos para a hostalaría, dous recursos a maiores promovidos dende a área de Bibliotecas, Arquivos e Normalización Lingüística. Poden recollerse de balde, tamén, nos postos do servizo de salvamento da Pedra do Sal e de Baldaio-Saíñas. A revista está deseñada para toda a familia, con entretemento para todas as idades e diferentes graos de dificultade. Na súa presentación tomaron parte Ángeles Pacoret, edila de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística; Miguel Vales, concelleiro de Medio Ambiente e Praias, e Evencio Ferrero, alcalde de Carballo.
Mudanza de horario
Terá a bibliopraia unha sección de préstamo, para a que se require o carné da Rede de Bibliotecas, e outra de uso libre, na que ademais de obras literarias, haberá marcapáxinas ou postais. Muda o horario: de luns a venres, de 15.00 a 19.00. Complementa isto a oferta lúdica estival no litoral carballés, que pasa tamén polo programa de divulgación Eu Quero Razo-Baldaio. Para mañá está prevista a sexta cita, unha limpeza da marisma de Baldaio, coordinada por LimpOcean: quedan prazas.