
Chegou o día: a festa máis antiga dedicada a este produto terá lugar hoxe, das doce en adiante
19 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • A primeira festa de Galicia dedicada ao percebe. Cita de Interese Turístico de Galicia. Unha das principais celebracións gastronómicas da Costa da Morte. Motivo de asistencia para veciños e visitantes, habituais e turistas. Todo iso é a Festa do Percebe do Roncudo, en Corme. Chegou o día da 33.ª edición, organizada pola Asociación Promoción do Percebe do Roncudo e con inicio de programa ás 12.00, unha misa na igrexa en memoria de percebeiros e mariñeiros. Amenizará a banda de gaitas Petafortes e comezará tamén a venda de tiques para a degustación.
Tivo ben boa acollida este ano a elección das pregoeiras, o equipo de fútbol feminino da vila, Campioas da Liga da Costa 2025. Unha honra para elas, como confesaban días atrás en La Voz: estarán presentadas (13.30) pola actriz Estíbaliz Veiga. «Un momento moi especial para celebrar o seu mérito, a súa forza e o seu compromiso co deporte e co noso pobo. Vai ser emocionante... e merecido!», convidou o Corme.
Emoción, sabor e tradición daranse cita na localidade. O segundo virá cos quilos e quilos de percebes, dende logo, pero tamén con polbo, churrasco, empanada, pan e viño. Terán sesión vermú, música en directo a partir das 15.00 horas con O Tren da Unha (Laxe) e, a partir das sete da tarde, o primeiro Festival Ouro Negro. Serán, segundo anuncia a organización, máis de 16 horas cos mellores DJ de Galicia e dous artistas internacionais. Lembran tamén que a carpa terá mil metros cadrados, que haberá aparcadoiros de balde, baños públicos e bus, así como que estará prohibido o botellón no porto e o uso de vidro na festa.