
O momento central no campo da Areosa está previsto ás 18.00, mais terán actividade xa dende as 12.00
20 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Hoxe • «Vai, vai, vai, vai!». «Uoo», «Toma, toma!», «Eeei», «Sssss». As lendas e historias durmidas baixo a terra do Monte Faro de Vimianzo retumbaron onte coas pisadas e trotes en carreira dos cabalos que todo o ano o habitan en liberdade, e que membros da asociación Monte Faro e colaboradores se afanaron en reunir e baixar ata o Campo da Areosa. É un ritual con linguaxe propia, necesario precedente da Rapa das Bestas, cuxo día grande nesta xa 27.ª edición será hoxe.
«Conseguimos baixalas todas», explicaba Javier Trillo, presidente da entidade que está pendente dos seus coidados os 365 días. Xuntaron 120 cabezas, poldros incluídos, tarefas nas que se empregaron ata as doce do mediodía: «A verdade é que eramos moita xente». Axudoulles o tempo, sen néboa, aínda que pola tarde andaban pendentes do vento, xusto antes dese paseo cabalar pola vila que os levaría mesmo á Praza do Concello. Tiñan para a noite unha degustación de poldro guisado, 220 quilos que, máis ca gastronomía, son tamén punto de encontro de afeccionados ao mundo do cabalo: «Aquí gusta moito. É unha carne máis brandiña, que ten que levar bastante adobo».

Poucas palabras se lle poden poñer á rapa: «É unha cousa que levo na sangue, para min isto non ten explicación», afirmaba Francisco Trillo. O propio Javier referendaba: «É case a miña vida, gustoume dende pequeno e, mentres poida, hei vir sempre». «Veño aquí dende a barriga de miña nai e teño 25 anos, non perdín un. Para min é devoción, é todo, durante todo o ano esta é a miña festa», manifesta Ánxela Arjomil, vicepresidenta de Monte Faro.
Para hoxe ás 12.00 está previsto un espectáculo ecuestre de doma en liberdade, virá logo a sesión vermú con Laura Ocampos, o xantar e, xa ás 18.00, a rapa. Non llo poñerán doado as bestas (e sobre todo dous machos!) aos aloitadores.