As cifras da última Praza dos Libros en Carballo: 2.500 obras vendidas, o 60 % delas en galego

La Voz CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

BASILIO BELLO

As estimacións dos libreiros estaban no certo: foi a mellor edición, con 800 vendas máis ca no 2024

19 jul 2025 . Actualizado a las 19:12 h.

«Os libros fan historia en Carballo», titulaba La Voz este pasado luns tomando como referencia as apreciacións dos libreiros participantes na 19.ª Praza dos Libros, a Plic!. E non estaban errados. Os datos amosan que esta última Plic!, efectivamente, fixo historia. Bateuse un novo récord de vendas ao superar os 2.500 exemplares, 800 máis que o ano pasado e o 60 % en galego. É este un dato que o Concello valora como excepcional, reforzando a aposta municipal pola produción literaria neste idioma. Xoves e domingo foron os días de maior afluencia —esgotáronse tanto as latas de atún como os moletes de pan e as tarxetas-rasca—, mais a media non deixa de chamar a atención: tendo en conta que a Praza dos Libros durou catro días, serían 625 obras vendidas en cada unha das xornadas.

A Plic! é unha iniciativa da concellería de Arquivos, Bibliotecas e Normalización Lingüística, e estes datos chegan logo de recompilar as enquisas trasladadas a libreiros e libreiras, as valoracións de autores de autoras e as impresións do público. Referendan ademais as primeiras impresións en canto aos traballos máis vendidos, algo ao que contribúen as presentacións: sobresaíron Nós estamos ben, non?, de Ramón Vilar Landeira; As tolas que non o eran, de Carmen V. Valiña, e Onde nacen as bestas, de Pedro Feijoo. En castelán, as vendas foron sumamente variadas, mais destacaron literatura infantil e xuvenil e de novela, incluída a versión en castelán do último libro de Pedro Feijoo.

BASILIO BELLO

Máis alá das boas xornadas para Brañas Verdes, Espiral Maior Foro, Clarión, A gata tola, Á lus do candil, Espazo Lector Nobel, Teldy e Trasgo, a concelleira Ángeles Pacoret destaca a asistencia ás diversas actividades programadas, para públicos diversos. Non só iso, senón a convivencia «en harmonía» cos mercados dos xoves e o domingo, precisamente un dos aspectos mellor valorados polos libreiros. Foron trinta citas, comezando polo pregón de Marilar Aleixandre.