
Á cabeza, a Rapa das Bestas, Berdeogas e Caión, pero tamén moitas outras. E non só festas hai... tamén citas alternativas ás sesións vermú e verbenas
20 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Están ben afeitas as xentes de Caión a capear o tempo. Nin a choiva intermitente nin o vento xogaron a favor das entregadas mans que cumpriron coa tradición das alfombras florais de Corpus, mais aí estaban, e mesmo enriquecidas con novos deseños no Rueiro das Figueiras, no miradoiro sobre o porto ou no barrio de San Roque, onde chamaba a atención unha réplica da Virxe dos Milagres. Fiúncho, espadanas, hortensias, sal de cores, cunchas variadas, redes e ata pipas foron a base destas creacións que uniron mans veteranas con outras miúdas. Tradicións que axudan a unir pobo e facer comunidade, reflexionaban algúns dos visitantes. Hoxe volverá ser día de festa en Caión, polo Carme saída da igrexa ás 13.30 para a danza de arcos na Praza, baixada ao porto para a misa de campaña, actuación do grupo de música e baile tradicional Arume ás 20.00 e posterior verbena con La Ola ADN, que tamén fará a sesión vermú.
Xunto coa Rapa das Bestas de Vimianzo (información aquí) e con Caión, a outra cita multitudinaria deste domingo estará en Dumbría. Máis de 3.000 almas do propio municipio e doutros lindeiros acudirán á carballeira de Berdeogas para a 23.ª Festa da Familia. As merendas e xantar nun entorno natural de excepción son o eixo, mais tamén soará a música coas orquestra Galilea e Cuarta Calle, a charanga O Rumbo e o grupo de gaitas da asociación Longarela.
Tres festexos potentes, mais non os únicos este 20 de xullo. Tamén estes:
Laxe • Comezan as festas da Cruz da Rosa. Dobre sesión vermú e verbena coa orquestra Fuego e un grupo sorpresa.
Vilaño (A Laracha) • Misa ás 13.00, vermú e tardeo non-stop con Laura Añón, Ángel Sevilla, JJ Compota, Diego Moreira, Néstor Peña, David Bermúdez, DJ Cotelo e discoteca Impacto.
Montemaior (A Laracha) • Festexos na honra a Santa Margarida. Hoxe, misa a cada hora dende as 08.00 da mañá, e solemne ás 13.00. Tamén pola tarde, de 18.00 a 21.00. Orquestra Galaxia e discoteca CDC dinamizarán este inicio.
Lemaio (A Laracha) • Misa ás 13.00 e longa sesión vermú co dúo Nueva Era. E inchables!
Sísamo (Carballo) • Botan a andar cinco días de festas en Sísamo, hoxe con misa ás 13.00 horas pola Virxe do Carme e vermú e verbena amenizada polo grupo Montreal.
Artes (Carballo) • Xantar Campestre, xuntanza veciñal con vermú e verbena a cargo de Veneguay e o DJ Luciano Macaro. Terán empanada, polbo á feira e carne ao caldeiro.
Oza (Carballo) • Poñen fin ás celebracións do Carme con misa ás 12.30, acompañada polos cantos de Ferrín de Coristanco.
Cerceda • Dianas e alboradas ás 09.00, misa ás 13.00, vermú con Alborada, xogos e inchables para os pequenos das 16.30 en adiante, verbena con Alborada de novo e fogos de artificio xusto á medianoite.
O Couto (Ponteceso) • Festa do Carme na Praza do Quinteiro, coa banda Inllar e o dúo Ciclón.
Leiloio (Malpica) • Misa ás 12.00 e sesión vermú co dúo Sesión a partir das 14.00 horas.
Barizo (Malpica) • Misa ás 13.00, pasarrúas con gaiteiros de Carcaxía e macrosesión vermú: O Tren da Unha e DJ Warce.
Moraime (Muxía) • Último día de festas, con misa as 13.00 e presenza, no musical, de Xaramiños no Corpiño e dúo Platino.
Máis alá das festas
Sobra dicir que as festas son das principais dinamizadoras do verán, mais hai neste tempo moito máis para elixir, tamén hoxe. Como estas citas:
Exposición de mar de ardora en Laxe • Ás 18.00 horas, no Museo do Mar, inauguración dunha mostra fotográfica de Ana García. O fenómeno de bioluminiscencia no mar, baixo a súa ollada e cámara.
Concerto de Eburnie en Cee • Ritmo, coloridas vestimentas e bailes ancestrais, ademais de moito talento vocal, é o que trae un verán máis á Costa da Morte o grupo marfileño Eburnie. Chega da man da ONG Égueire: ás 21.00 horas, na Praza da Constitución.
Día da Bici en Zas • Paseo en bicicleta polo concello durante a mañá, rematando a actividade con merenda. Saída ás 10.30 dende a Praza do Concello. Inscrición precisa!
Día da Bici en Malpica • Con saída ás 10.45 horas dende o centro sociocultural de Seaia, será un percorrido de 14 quilómetros que rematará no paseo da praia. Quen no se teña inscrito poderá facelo no punto de saída, ata 15 minutos antes do arranque. Sortearase unha bicicleta.
Microtoponimia na Ameixenda (Cee) • De 19.30 a 20.30, actividade interactiva de recuperación da toponimia da parroquia. Na Casa da Cultura, como parte do Verán Activo de Fumes do Cal.
Foliada libre en Muxía • Das 19.30 en adiante, no cámping Lago-Mar. Goce compartido arredor da tradición.
Visitas teatralizadas • No castelo de Vimianzo, ás 12.30 e 17.00 horas. Nas Torres do Allo (Zas), ás 19.00. En ambos casos, de balde, un xeito distinto de achegarse á historia destes monumentos. Corren a cargo de Os Quinquilláns: eles son Lucho e Tero.
Sabor a mar en Ponteceso • A foodtruck da campaña autonómica Galicia sabe AMar chega hoxe a Ponteceso. Estará de 11.00 a 14.00 en Pazos, e de 16.00 a 20.00 en Balarés. A través de pequenos petiscos, anímase á cidadanía a consumir produtos do mar.