
Durante dous días completos, este festival reunirá a un bo feixe de artistas de diversa índole
23 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Queda exactamente un mes para que bote a andar a 43 edición das Festiletras, unha cita que é moito máis ca un festival. Representa a toda unha aldea, a do Couto, viva.
Grandes nomes como Baiuca, Ortiga, Carlos Blanco, De Ninghures, Escuchando Elefantes ou Caamaño & Ameixeiras pasarán os días 23 e 24 de agosto polos tantos e tantos escenarios espallados pola aldea pontecesá que revitaliza a Fundación Eduardo Pondal coa axuda dun bo número de veciños.
Haberá actividades para todos e para todas do máis variadas. Espazos como a feira de artesanía ou o encontro de aldeas singulares xa están consolidados. Non faltarán os obradoiros, os roteiros teatralizados con Suso Martínez, xogos e máis animación con Paco Nogueiras ou contacontos. Zancos, karaoke, exposicións, documentais, gastronomía e, por suposto, acampada e aparcamento gratuíto son outras propostas.
«A aldea, máis viva»
A compañía de danza Fran Sieira presentará Ceibe, mentres que Xosé Manuel e Icía Varela tamén acudirán co seu espectáculo. Vero Rilo, Anxo Moure, Luís Pena Río, Requinta de Lampai, Alalá do mar, Eris Mackencie, Willow GHZ, Rompecinturas Selector, Séchu Sende, Migallas, Pulpiño de Viascón, Faíscas da Pontraga, Dulzaro, ZETAK, Gloria Mosquera, Os Farrapos, Pablo Carpintero, Abril, Donaire, Vanessa Rivas, Karaoke con Esteban, Boyanka Kostova, Fillas das Mareas ou Saberes completan o cartel deste ano. Unha programación da que avanzan vén «cun entusiasmo renovado». «É unha celebración da lingua, da identidade e do compromiso dunha comunidade que converte unha pequena aldea nun epicentro de creación, resistencia e festa», presumen os promotores, que conclúen: «A aldea está máis viva ca nunca».