Presentada a quinta edición do festival, unha mostra de cinema galego, con compromiso e innovador
07 ago 2025 . Actualizado a las 01:08 h.A Semana Cultural de Zas, antesala da Festa da Carballeira, gardou onte un importante oco para os Premios Fouciño, unha convocatoria audiovisual da que se presentou a quinta edición: «Ano tras ano, supéranse a si mesmos», dixo Manuel Muíño, alcalde, sobre a organización. Aínda que a dinámica é semellante a anteriores edicións, unha das novidades principais pasa polas datas, este ano do xoves 23 ao sábado 25 de outubro e con 1.800 euros en premios. Cine comprometido no social e innovador no formal, apuntan.
«Estase a converter nun dos festivais de curtas máis importantes de Galicia, non para de medrar, grazas ao traballo de persoas que dedican o seu tempo de forma altruísta e que están convertendo Zas, nomeadamente Baio, na capital da imaxe durante esas datas. Poñen o noso nome no panorama audiovisual galego», afirmou o rexedor. Alejandro Gándara e Lucas Espasandín, dende a equipa promotora, debullaron unha «programación completa» que quere seguir cos bos resultados do 2024. Pode falarse, en liñas xerais, da intención de promocionar novos talentos, de apostar polo cine galego («está no ADN dos Premios Fouciño») e intentar buscar «un cine diferente», con proxeccións tanto dentro como fóra de competición (categorías xeral e escolar).
«Xa o feito de que sexan curtas é algo que escapa do habitual en salas de cine ou nas programacións dos Concellos. Apostamos por pezas rompedoras, innovadoras, buscando variedade e diversidade, con distintos puntos de vista, un cine de proximidade, feito de xeito humilde, o que non quere dicir que sexa un cine de pouca calidade», apuntou Gándara. Espasandín fixo un convite final:
—Traede os fouciños!
O groso da programación será no baixo do Edificio Praza, de par da pastelería Guindas, aínda que tamén haberá festa na Praza Jorge Mira: será o remate.
Xoves 23 de outubro
20.00 horas. Inauguración do festival coa proxección de «Pura», de Carmén Méndez. Coloquio coa autora. Historia íntima e familiar.
Venres 24 de outubro
A partir das 20.00 horas. Sesión de curtas coas proxección de «Delincuente», de Alba Domínguez e Nuria Vil; «O coidado», de Miguel Canalejo; «Abellón», de Fon Cortizo, e «La casa de la abuela», de Ashling Ocampo. Logo, actuación de Sofie Peries e finalmente sesión de karaoke cinéfilo, con queimada e premios.
Sábado 25 de outubro
A partir das 13.00 horas. Proxeccción de «Un peixe é un peixe é un peixe», de Marilar Aleixandre e Alberto Pombo, e tamén da curtametraxe do obradoiro infantil. Neste fin da mañá, sesión vermú a cargo de Ramón Caamaño.
A partir das 18.00 horas. Concurso de curtas. Proxección das finalistas na categoría xeral e escolar. Como novidade, premio do público en cada unha.
A partir das 22.00 horas. Premios e concertos de Antía Muíño, 9Louro, Ulex e Tonita. Fin de festa.