Fin ás Festiletras 2025: «Foi unha confluencia marabillosa entre xente da zona e visitantes»

M. López CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

O presidente da Fundación Eduardo Pondal valorou en Radio Voz o desenvolvemento da cuadraxésimo terceira edición do festival

26 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Toca facer valoración da edición das Festiletras que vén de rematar, e o presidente da Fundación Eduardo Pondal, Xosé María Varela, dálle unha nota «moi alta» tanto ao propio festival como «a todas as persoas que traballaron e fixeron posible esta edición, dende os rapaces ata os máis maiores», apuntou este luns en Radio Voz, apenas horas despois deses dous últimos concertos de Boyanka Kostova e Baiuca.

Segundo Varela, a aldea pontecesá de O Couto amosouse ámbolos días «fermosísima» e moi «hospitalaria» á hora de recibir aos milleiros de visitantes que pasearon polas súas rúas, compraron nos expositores ou bailaron ao ritmo dos artistas que integraron o cartel.

E todo iso, continuou o presidente da fundación, facendo gala dun máximo respecto: «Non había cousas tiradas polo chan, nin lixo. E non houbo tampouco ningún incidente, a excepción dese lume nos coches do aparcamento, que se solucionou enseguida. Foi unha confluencia marabillosa entre visitantes, xente do entorno e nativos do Couto», dixo.

Veciños da localidade aos que se lles ofreceu pases para asistir aos distintos concertos de pago, para involucralos na programación e para levantar o ánimo desas xentes ás que a comezos deste mes lles tocou loitar contra as lapas.

En definitiva, di o tamén exprofesor Xosé María Varela, cualificación excelente para esta cita.