Entender o que hai de positivo

Francisco S. López TRIBUNA ABERTA

CARBALLO

BASILIO BELLO

Carta ao noso veciño de Corcubión Francisco J. Lema Fuentes. Por Francisco Santiago López

15 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Carta ao noso veciño Francisco J. Lema Fuentes: 

Na última misiva publicada neste xornal sobre a sinalización da rúa Carrera Fábregas, quedou patente que lonxe de non querer pronunciarse, deixou unha boa pegada de anotacións, que claramente conducen a un oculto pronunciamento.

No ano 2009, a obra Mellora da pavimentación na zona Norte da Praza Campo do Rollo, aprobada e adxudicada durante a súa xestión como rexedor, borrou dun plumazo un vial e máis de dez aparcadoiros, en contra da opinión veciñal. Daquela non recolleron sinaturas os que auguraban a ruína do comercio local e a eliminación de aparcadoiros. Hoxe ninguén pon en dúbida o acerto da medida, foi unha boa transformación e humanización da contorna, agás a pavimentación utilizada, pedra pulida que os días de choiva nos lembra que a prudencia tamén forma parte do paseo. Daquela foi prerrogativa por Decreto. Anos mais tarde, no 2014 declarouna exclusivamente peonil nunha ordenanza. 

Noticia publicada el 11 de septiembre del 2014
Noticia publicada el 11 de septiembre del 2014

No 2014, o goberno municipal rexido por Francisco J. Lema Fuentes aprobaba a Ordenanza sobre tráfico, circulación de vehículos a motor, seguridade viaria e utilización das vías públicas do Concello de Corcubión. Esta norma establece na disposición adicional segunda unha lista de rúas cualificadas como de dirección única, mais a ordenanza non regula o procedemento para modificar a cualificación das vías municipais. Que se determinaran deste modo na ordenanza, non significa que haxa que modificar a ordenanza cada vez que se modifica a cualificación dunha rúa que non estea nese listado, porque é a autoridade municipal a competente para tomar as decisións sobre sinalización, tal e como se establece no capítulo segundo. Ademais non existe contradición ningunha, porque a rúa J. B. Carrera Fábregas non está cualificada na ordenanza. Onde está a contradición? A única contradición existente na ordenanza está no establecemento da rúa Rafael Juan como de dirección única, cando esta tivo, ten e terá sempre un tramo de dobre dirección, dado que os coches que baixan pola rúa perigos non teñen alas. E aí segue, de dirección única. Foi un acto de prerrogativa, prevaricación ou erro do remitente? Sinceramente penso que non foi ningunha das dúas primeiras opcións.

A ninguén se lle escapa que as decisións tomadas polo goberno municipal de sinalización do tráfico se fixeron cun único motivo: garantir a seguridade das persoas, dos vehículos e de ter maior fluidez na circulación. Todas as decisións foron consultadas e asesoradas polo persoal do Destacamento de Tráfico de Corcubión, expertos técnicos nesta materia. Un pode ter erros, como acabamos de comprobar na aprobación da ordenanza no 2014, pero actuando de boa fe, os erros son subsanables, non existe nulidade do procedemento na acusación epistolar, porque non existe procedemento expreso na ordenanza para modificar a cualificación das vías municipais.

Para rematar quero expresar que non hai mellor herdanza que un casco histórico onde os protagonistas sexan as persoas, e por iso sempre apoiaremos os proxectos que o coiden e melloren. Non importa quen os impulse, o importante é que sigan adiante. Pero nunca está de máis traer a hemeroteca para lembrar aos que dicían que non contaban con que custase tanto que a xente entenda o que ten de positivo.