Xabier Díaz e Pepe Vaamonde puxeron a bailar á xuventude

La Voz

A LARACHA

A mocidade gozou das dúas actuacións que puxeron a guinda á segunda edición do Festifolk

11 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

«Hai dous días tocabamos preto de Bruxelas e había xente sentada polos pasillos cantando a pleno pulmón como se fosen de Carballo ou A Laracha, así que sería unha sorpresa moi grande que despois de ver aos belgas cantando chegásemos aquí e que enmudecerán aos gorxas». Así se expresaba o luns pasado o músico Xabier Díaz na presentación oficial do Festifolk, pero os seus temores eran infundados posto que as gorxas si se deixaron sentir, e con forza, o sábado na capital de Bergantiños.

O público que se sumou á segunda edición desta celebración da gaita e da música tradicional promovida por La Voz de Galicia, o Concello e a Fundación Luis Calvo Sanz, non só foi numeroso, senón tamén moi activo. A emocionante interpretación do Himno do Antigo Reino de Galicia realizada ao compás do propio Díaz polas bandas de gaitas participantes no desfile previo deu paso a unha animada noite de música tradicional tinguida de modernidade e de moito baile. As cadeiras dispostas polos organizadores enchéronse rapidamente, aínda que non foi preciso buscar máis porque non tardaron en quedar moitas libres cando a xente se lanzou a bailar para acompañar a Díaz e as Adufeiras de Salitre. Algúns fixérono animados polo concurso de baile sorpresa que o ex integrante de Berrogüetto convocou sobre a marcha -cun disco e unha mochila como premios- pero moitos outros fixérono simplemente polo ritmo contaxioso dos temas de The Tambourine Man.

Eran numerosas as citas festivas da xornada do sábado, pero non suficientes para impedir a un bo número de mozos darse cita na praza do Concello e demostrar que a música tradicional tamén ten tirón. Os presentes gozaron do alarde de talento e ritmo de Díaz e compañía.

O relevo no escenario foi aproveitado por algúns dos presentes para deixar a praza, pero Pepe Vaamonde Grupo non tardou en levantar a festa e conducila ata máis aló da medianoite con temas como o Vals das tres estrelas -do seu último disco, Nas pedras do lar- ou Treboada, canción coa que Vaamonde se despediu do público.

Pero o fervor popular puido máis e o artista -que dera tamén mostras do seu do humor facendo alusión a alopecia que padecen tanto el como Díaz e sinalando o acaído que era que Calvo patrocinase a velada- agasallou aos presentes cunha última peza. O final perfecto para este segundo Festifolk.