
Na capital bergantiñá participan 360 nenos e nenas dos colexios locais
18 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O próximo domingo, 23 de febreiro, cúmprense 188 anos do nacemento de Rosalía de Castro, unha das figuras máis importantes da literatura galega. Cada ano, para conmemorar esa data, celébrase o Día de Rosalía para poñer en valor a obra da poetisa e novelista compostelá e divulgar o seu legado. Con este obxectivo, os concellos de Carballo e A Laracha anunciaron cadansúa iniciativa.
Na capital bergantiñá, estenden os actos ao longo desta semana. Consisten en visitas guiadas polo Xardín de Rosalía, espazo creado no 2023 á beira do río Anllóns. Na actividade participan 360 nenos e nenas dos colexios A Cristina, Nétoma-Razo, Bergantiños, Canosa-Rus, Fogar e Xesús San Luís Romero. O alumnado deste último centro xa desfrutou da xornada onte mesmo. Ata alí tamén se achegou o alcalde, Evencio Ferrero.
Tanto esta proposta como a da Laracha son ben fermosas, pois tamén inclúen música. No caso da cita carballesa, que vai destinada a estudantes de cuarto curso de primaria, participa o grupo Raiceira, con voz, percusión, clarinete e gaita.
Impulsa este programa a Concellaría de Normalización Lingüística, e para iso houbo un traballo previo nos centros.
Aberto ao público
De outro lado, a Administración larachesa aposta por un concerto infantil o propio día, o domingo 23, tamén para as familias. Baixo o título de Cantamos con Rosalía! correrá a cargo de Luis Vallecillo. Será ás 12.00, na Casa da Cultura da capital, con entrada libre e gratuíta.
O artista compartirá co público como chegou a Galicia dende a súa Madrid natal na procura das orixes da poetisa e novelista, unha busca que lle permitiu descubrir e aprender a escribir e a falar o idioma galego.
O espectáculo, dinámico e participativo, terá unha duración de 50 minutos.