
O encontro será este sábado 29, no Mesón A Taberna, das 13.30 horas en adiante
27 mar 2025 . Actualizado a las 16:31 h.Este 2025 é un ano máis que propicio para as foliadas. Dedícanselle as Letras Galegas ás cantareiras e tocadoras galegas, homenaxe personificada nos nomes de sete mulleres: Eva Castiñeira (Agranzón, Ozón, Muxía), Adolfina e Rosa Casás Rama (A Vila da Igrexa, Cerceda) e Prudencia e Asunción Garrido Ameijenda, Teresa García Prieto e Manuela Lema Villar (Mens, Malpica). E, ben, unha foliada é o que haberá este sábado 29 de marzo en Montemaior, A Laracha, co simbolismo especial de estar promovida pola asociación cultural Montemaior. Logo de 20 anos inactiva, a entidade retoma con forza a súa actividade este ano.
O encontro terá lugar no Mesón A Taberna, en Santa Margarida, cunha xornada que botará a andar con sesión vermú e churrascada para os veciños: xa están esgotados os 200 tiques que se puxeron á venda para a comida, mais o que será de participación libre e aberta é a foliada das 18.00 horas en adiante. No aspecto musical, en Santa Margarida poderá participar quen así o desexe, bailando ou subindo a tocar. As actuacións organizaranse por orde de chegada e estipulando uns tempos máximos de actuación para que todos teñan unha oportunidade.
A asociación cultural Montemaior naceu no 1995 e dinamizou a parroquia durante case vinte anos: baile tradicional, aulas de pandeireta e canto, aulas de gaita, bailes de salón, encaixe de bolillos... Aqueles rapaces que pasaron por esas aulas son os que agora, dous decenios despois, retoman o traballo para «devolverlle á parroquia o que levaron consigo». A nova directiva da AC Montemaior quere que esta foliada sexa «un lugar de encontro para a parroquia, para retomar o espírito colectivo da veciñanza e empezar a tecer a partir de agora un novo camiño de actividade para todas». En vindeiros meses haberá un obradoiro de cestería ou outro de poda de castiñeiros.