Noelia Barreira: «FestIgual é ese lugar onde todos e todas temos cabida»

P. BLANCO / F. RODRÍGUEZ CARBALLO / LA VOZ

CABANA DE BERGANTIÑOS

ANA GARCIA

Festexar a diversidade sen etiquetas, xuntos: é o que propón Íntegro para este sábado coa segunda edición dunha celebración que terá música, artesanía, obradoiros ou gastronomía

29 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A mércores 29 de maio cómpre ir xa facendo axenda para a fin de semana. En Nantón, Cabana, ten preparada Íntegro para este sábado a segunda edición de FestIgual, co que colaboran Máis Porvir e Concello. Música, artesanía, obradoiros, xogos, gastronomía e, sobre todo, encontro, xa a partir das doce da mediodía. De todo isto, e do que significa FestIgual, falou a directora do centro de recursos, Noelia Barreira (Malpica, 1985), en Radio Voz Bergantiños. Agarda para este sábado un día «solleiro» como o que houbo onte.

—Empecemos polo propio nome, FestIgual. Podemos dicir que é unha mestura de festa, ou festival, con «igual, igualdade»?

—Si, exacto. Levamos ao nome «festa» e «iguais», e de feito o noso lema é «diversamente iguais». Que calquera persoa, sen nome, sen etiqueta, sen apelidos, nos poidamos unir nunha grande festa para celebrar a diversidade e a pluralidade como elementos enriquecedores da sociedade. Ao fin é ao cabo, todos buscamos elementos de participación e de diversión, e FestIgual pois chega para ser iso, un lugar onde todos e todas temos cabida.

—A primeira edición resultou sumamente ben e vostede dicía daquela que a miúdo as entidades sociais se reúnen entre elas, pero faltaba ese concelebrar co público, esa apertura.

—Así é, e esta segunda edición vai por ese mesmo camiño, unindo entidades e persoas doutros perfís totalmente diferentes. Dende entidades medioambientais, por exemplo, a persoas que non pertencen a ningún tipo de asociación, pero si pertencen a esta sociedade. Queremos que todos se sintan na súa casa. Tendemos as entidades de persoas con diversidade funcional a participar entre nós, en actividades específicas, moi pensadas para persoas con diversidade, pero ao final perdémonos outras cousas, o disfrutar, o aprender uns doutros, con ou sen discapacidade.

—Entre as novidades deste ano, que haberá mexillonada.

—Exacto, na mexillonada poderemos degustar mexillón galego, se ben o que finalmente non será posible é o concerto nocturno de Versión Imposible, que era novidade. Non vai ser posible nesta ocasión, pero si o trasladaremos para o 21 de setembro, día no que teremos outra actividade que por agora aínda é sorpresa.

—E para ir é mexillonada?

—Os tiques pódense mercar con anticipación, pero tamén alí o propio día. E aqueles que non queiran vir comer, pero si disfrutar do resto de actividades, entón nin sequera teñen que mercar nada. A entrada é libre, de balde. Teremos unha sesión vermú estendida, co trío Karma. O Son do Castro encargarse da música tradicional, xa desde as 12.00. A partir das catro e media da tarde teremos un DJ, Chafu, da disco móbil Fabrik, animando o ambiente a zona infantil: inchables, monitorado... Unha xornada amena.

—Súmase ademais artesanía.

—Queremos fomentar un pouquiño ese comercio máis artesanal, ao que lle hai que dar visibilidade e o valor que teñen como produtos únicos. Teremos máis de vinte postos de artesanía e produtos ecolóxicos. Chegan da comarca de Bergantiños, pero tamén de fóra, como Lugo.

—E que tipo de pezas haberá?

—Algo de todo, dende encaixe de Camariñas a xabóns, xoguetes... Diversos estands aos que haberá que sumar os de entidades sociais: Por qué no, Asociación contra o Cancro... Moi interesante!

—FestIgual é verde, ademais, por ese vaso ecolóxico, cada vez máis implantado nas festas.

—Si. Poñemos a venda o vaso reutilizable polo prezo simbólico dun euro, contribuíndo cun graíño a medio ambiente e sostibilidade.

ANA GARCIA

—Que supón para os usuarios Íntegro un día como o que haberá este sábado?

—Para eles supón unha ilusión. Teñen moitas ganas de que chegue o día, bailar, cantar e disfrutar co resto da xente. Como Íntegro tamén teremos o noso propio estand de produtos artesanais, e entón estes días están mans á obra para deixar un posto chulo no que a xente poida mercar.

—Diversidade e pluralidade son valor para a sociedade. É a proba.

—É que é fundamental. Non crear guetos, senón que todos esteamos unidos, os intereses das persoas son os mesmos, teñan discapacidade ou non. Unha poboación unida, diversa, na que se poidan compartir experiencias, fai que sexa unha sociedade máis humana, inclusiva, onde a todos nos guste máis vivir e esteamos máis cómodos.