O Pedra da Aguia é referencia en materia medioambiental

CAMARIÑAS

XESÚS BÚA

Alumnos do centro de A Ponte do Porto preocúpanse pola boa xestión dos residuos

23 feb 2015 . Actualizado a las 12:58 h.

Antes de entrar no edificio do IES Pedra da Aguia, na localidade de A Ponte do Porto, no Concello de Camariñas, xa sabemos que estamos ante un instituto diferente. Na entrada hai un pequeno punto limpo para que toda a comunidade educativa deposite alí os cartuchos de tinta, as pilas e os tapóns de plástico. Isto é o primeiro que vemos, pero hai moito mais.

A principios de curso, o instituto porteño incorporouse ao programa «Recíclate con Sogama». Acordaron bautizar o seu propio proxecto co nome de Reciclamos separando. «Dividimos o traballo en dúas vertentes. En primeiro lugar, a tecnolóxica. Temos un blog no que os alumnos publican de maneira periódica noticias sobre boas prácticas ambientais e sobre o traballo que facemos semana a semana no centro. E, por outra parte, a actuación», explica a profesora Ana Ignacio Veiga, coordinadora do proxecto.

¿E como actúan? «Todos os venres facemos unha reunión. Encargámoslles tarefas que deben ter rematadas o martes. Cando acaban, os profes revísanas, danlle pautas de corrección e volvemos a reunirnos o venres», conta Ana. Pero as tarefas non acaban no centro. Ademais de cambiar os hábitos no instituto, os rapaces tamén queren promover as boas prácticas medioambientais no seu entorno. «Fabricaron caixas para recoller cartuchos de tinta e informaron ás súas familias. Levaron estas caixas á biblioteca, á Casa do Concello e a outros lugares como Vimianzo e A Coruña, onde traballan algúns dos seus pais».

O grupo ten actualmente uns trinta participantes. «Comezaron algúns máis, pero vendo o esforzo que supoñía, algúns abandonaron. Pero iso si, os que quedan están moi involucrados», relata a coordinadora. Pero quen sabe se, a medida que avance o proxecto, se suman novas forzas a el. Ana confía en que Reciclamos separando se estenda máis aló deste ano. «Esperemos que persista no tempo. Somos conscientes de que isto acaba de nacer, e estamos algo abrumados pola repercusión que está tendo, porque queda moito por facer».

E por suposto, o medio ambiente non é o único beneficiado neste proxecto. Todos aprenden algo nesta nova andaina. «A nivel medioambiental, estamos achegando á comunidade educativa e a todo o seu entorno a problemática do exceso de residuos e conseguindo unha maior sensibilización. E a nivel pedagóxico, os estudantes están descubrindo a importancia de comprometerse cun proxecto e cumprir obxectivos».

Ana Ignacio non aforra en razóns para animar a outros centros a seguir o camiño do Pedra da Aguia: «Paga a pena por ver a implicación dos rapaces e a súa satisfacción por aprender e acadar metas. Iso si, precísase dun equipo docente que apoie o proxecto porque isto require da colaboración de todos». Para saber máis, ver o blog da iniciativa (reciclamoseparando.blogspot.com.es) e a conta de Twitter (twitter.com/rseparando).

Visita a Sogama

Mañá martes, os rapaces do IESPedra da Aguia poderán coñecer de preto Sogama, coa visita que realizarán ao complexo cercedense. Un paso máis para reforzar a conciencia da sustentable e o respecto ao noso entorno.