Teatro, mostras e flores no 135.º aniversario do naufraxio do Serpent

La Voz CARBALLO/ LA VOZ

CAMARIÑAS

Representación de «Noite de naufraxios», nunha anterior homenaxe ao Serpent
Representación de «Noite de naufraxios», nunha anterior homenaxe ao Serpent José Manuel Casal

Programou o Concello varias actividades, a primeira delas xa este domingo 9 de novembro 

06 nov 2025 . Actualizado a las 23:23 h.

«Un tráxico suceso que marcou para sempre a historia e a identidade mariñeira de Camariñas». Así lembran dende o Concello camariñán o naufraxio do HMS Serpent, fronte á Punta do Boi, no 1890. Cúmprense 135 anos e dende o consistorio preparouse un programa de aniversario que inclúe actos culturais e de homenaxe. Un xeito de honrar a memoria e as vítimas, mais tamén de poñer en valor «o patrimonio histórico e mariñeiro da Costa da Morte».

As citas botarán a andar este domingo, ás 20.00 horas, cunha velada teatral no faro Vilán: Naufraxios. Xa o luns 10, ás 12.00, terá lugar a tradicional ofrenda floral no Cemiterio dos Ingleses. A continuación, sobre as 13.00 no Museo do Alemán de Camelle, inaugurarase a exposición Serpent, aberta ao público ata o 15 de decembro.

Tamén nese mes, do 1 ao 15, acollerá a Casa de Pedra a mostra Prestige, conectando «dous fitos do noso litoral». Entre unha traxedia e a outra, a memoria, a solidariedade e o mar. Todos os actos son de participación libre e convida o Concello a acudir.