«Temos uns políticos aos que non lles interesa o noso idioma»

SOFÍA CAAMAÑO / X.A. CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO MUNICIPIO

Ana García

A edición de Traballando en Lingua finalizou con ilusións e moita música

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O galego, a música, a loita de xénero e a educación foron as temáticas principais que se trataron durante a segunda e última xornada do curso Traballando en Lingua de Carballo.

Foi o polifacético Xurxo Souto quen inaugurou este segundo asalto cun percorrido pola historia do rock en galego. A el seguiulle Goretti Sanmartín, que insistiu na posibilidade de promover o galego a través do seu uso na música. Por iso, defende o concurso musical propulsado pola Deputación da Coruña Quero Cantar. Para ela: «As cancións animan o uso do galego entre as crianzas e a mocidade».

A mañá pechárona Rosa Cedrón, Sonia Lebedynski, Ugía Pedreira e María José Pérez -MJ Pérez-, que falaron de mulleres e música galega. Rosa Cedrón contou os seus inicios no mundo musical: «Cando comecei, todos os proxectos estaban liderados por homes. As mulleres eramos as cousas bonitas que poñían alí diante do escenario sen ter moito que dicir». MJ Pérez engade que «aínda continúa latente a idea de que nos grupos de mulleres todas nos tiramos dos pelos. Pero a verdade é que as mulleres, hoxe en día, estamos calando bocas». Concorda con ela Sonia Lebedinsky: «Na música deste país pasamos de formar parte de proxectos colectivos a lideralos». Ugía Pedreira falou da lingua na música. Segundo ela «temos uns políticos aos que non lles interesa o noso idioma». O resto de relatoras concordaron con ela. Rosa cre que con esta escasa promoción da música galega pretenden «afastarnos de todo o que poida alimentar a nosa alma. Xa non é un atentado contra a lingua ou as mulleres, senón contra a propia cultura».

Olga Kirk e Pablo Díaz, que abriron a tarde, cren que o cambio está na base. Eles os dous, que crean cancións infantís en galego e con base de música tradicional, cren que a clave é «achegar o galego aos nenos nun ton positivo, divertido». Segundo eles, as cancións infantís actuais están «demasiado influenciadas polo español». Pablo admite que cando lle din que alguén ten unha copia do seu disco en vez de o orixinal non lle importa demasiado porque «o que de verdade quero é que se difunda e que cada vez máis xente fale galego. O meu obxectivo está aquí». César Morán falou da música na poesía e Ricardo Seixo impartiu un obradoiro de cantos de taberna.