
Editado por Galaxia na súa colección Sonárbore, é un libro-cedé en formato libroQR. Con el chegará este martes a Carballo, na Semana do Libro e a Lectura
24 abr 2023 . Actualizado a las 21:53 h.A imaxinación non ten límites. A nosa cabeza é un taller de ideas onde os soños poden tornarse realidade. Na lúa non se dan as patacas. O ceo é un mapa do pasado do Universo. O sol é máis grande ca a lúa...
Nunca se foi, pero ben se pode dicir que Paco Cerdeira, Pakolas, está de volta. O músico, o compositor, o rockeiro e o guitarreiro, todo xunto. Logo da edición dos librodiscos Pakolas no 2017 e de Ramona Órbita, a dona do tempo, no 2020, chega agora un terceiro libro en solitario, recén saído do forno da editorial Galaxia na súa colección Sonárbore: A Ramona pequena vai á lúa. E, desta volta, con novidades no formato, editando en LibroQR este novo álbum musical que son dez cancións e un conto.

«Viaxa coa Ramona pequena dende os seus pensamentos ata a lúa, dende as súas inquedanzas ata as súas xenialidades e dende o seu maxín ata onde queiras chegar. Quebra os límites nesta nova aventura rockeira», convida Pakolas nesta nova entrega de historias da súa labrega inventora favorita, Ramona Órbita, personaxe inspirada na súa bisavoa Ramona. «Corría o ano 1967 no Courel e Ramona contaba con seis aniños. Era unha nena movida por constantes inquedanzas, cunha mente esperta e imaxinativa...». Este libro-cedé de música infantil suma fermosas ilustracións de Laura Romero e, como se dicía, dous códigos QR, un deles para a escoita e descarga das cancións e outro para a descarga de material de traballo e unidades didácticas dispoñibles tanto para escolares como para público en xeral, un traballo de Alejandro Núñez e Natalia Iglesias.
A Ramona pequena xa comezou, doutro lado, a rockanrolear. A grande estrea foi este domingo no Salón do Libro de Pontevedra e, nunhas horas, este martes 25 de abril, estará en Carballo, na Semana do Libro e da Lectura, primeiro con escolares e logo para público en xeral: 18.00 horas, biblioteca Rego da Balsa. Pakolas, que suma máis de 16 anos en bandas de música infantís, levaraa despois, o 29, a Compostela. Vén Cerdeira cargado de agradecementos nesta nova obra: á avoa Chiruca, a Patricia, a Carmela, a Xulio Amigo, a todos os membros de Galaxia, a José Carballido («o superprofe rockeiro do CEIP de Caión, pola súa grande axuda preparando as poderosas gorxas da cativada que canta no disco»), a Iria, a Abril, a Rober, a Irlanda, a Manuel, a Iria, Pedrito, Marco, Maia e todas as seguidoras e seguidores: «Sen eles non tería sentido».
