Un xoves para non saír de Carballo: mil e unha propostas na axenda
CARBALLO MUNICIPIO
Tres presentacións literarias, un concerto da banda, unha mostra de beléns e máis para hoxe na capital de Bergantiños
12 dic 2024 . Actualizado a las 05:00 h.A actividade que este xoves 12 de decembro trae a Carballo é cando menos destacada. Ademais da nova obra de Fernando Cabeza Quiles, que presentará en Espiral Maior Foro ás 20.00 horas, todas estas citas para hoxe:
Pepe Carballude e Marta Seoane traen obras a Brañas Verdes e Escolas do Xardín
Hoxe • 19.30 horas • Tan intensa será a axenda de hoxe en Carballo que coinciden, á mesma hora, ata dúas presentacións literarias. Unha delas será na libraría Brañas Verdes, organizadora dun encontro con Pepe Carballude. O autor, con fondo vínculo coa capital de Bergantiños, trerá desta volta a súa novela En terra allea, unha mirada sensible ás migracións. Publicouse baixo o selo de Galaxia, na súa colección Costa Oeste. Carballude estará acompañado na cita desta tarde —19.30 horas— por Ramón Tasende, libreiro, e por Xosefa Costa, profesora do instituto Alfredo Brañas.
A outra das citas literarias deste xoves estará nas Escolas do Xardín Agra de Caldas, onde a autora Marta Seoane Pazos dará a coñecer a súa ópera prima, Balas de papel. Estará acompañada, igualmente ás 19.30, por María Veira, monitora cultural do Concello de Carballo. Acceso libre e de balde ata completar o aforo.
O Nadal avanza cun concerto da Banda e unha mostra de beléns do mundo
Hoxe • Completo, diverso e multidisciplinar é o programa de Nadal da vila carballesa, no que hoxe se poden encadrar dúas citas. Por unha banda, ás 19.00, no Museo de Bergantiños, a inauguración da exposición Beléns do mundo. Logo, ás 20.00, na carpa da Praza do Concello, será a quenda da Banda Municipal de Música, ofrecendo un concerto que relevará ao da Big Band ofrecido o mércores (imaxe). Avanza doutro lado o Conservatorio na súa axenda, pois ás 19.00 haberá no salón de actos do Pazo unha audición de piano e conxunto.
Cineforo na Rego da Balsa
Fóra do ámbito do Nadal, e vinculado ao 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres, acollerá a biblioteca Rego da Balsa tamén hoxe (19.30) un cineforo sobre a loita pola despenalización do aborto no Salvador, ao fío da peza En deuda con todas. Colabora Asemblea de Cooperación pola Paz.
Lingua de signos no Espazo Xove de Carballo
Hoxe • Nova cita no Espazo Xove de Carballo, desta volta un obradoiro de lingua de signos, de 17.00 a 19.00 horas. Trátase dunha campaña de sensibilización sobre as persoas xordas que incluirá teoría e tamén práctica. Coma sempre, cita pensada para xente moza, de 12 a 30 anos, e con inscrición de balde no 881 880 420 ou no 672 017 171 (WhatsApp).