A relación de Evencio Ferrero coa comunidade parroquial foi sempre próxima, respectuosa e profundamente humana
04 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Desde a parroquia de San Xoán Bautista de Carballo queremos expresar publicamente o noso agradecemento a Evencio Ferrero, que se despide como alcalde tras máis de dúas décadas de servizo á vila. A súa relación coa comunidade parroquial foi sempre próxima, respectuosa e profundamente humana.
Evencio estivo presente en momentos clave da vida eclesial e social de Carballo. Cada ano participou na clausura dos cursos formativos organizados por Cáritas e o Centro Social parroquial, entregando diplomas e animando aos voluntarios do programa Bo Samaritano a seguir traballando pola inclusión e a dignidade. Sempre recoñeceu que «a parroquia non pecha por vacacións», subliñando o seu compromiso coa acción social.
A súa voz resoou nas festas patronais, coa invocación que cada ano facía ao patrón, especialmente este ano na celebración do 50 aniversario do templo, onde invocou a San Xoán como guía en tempos difíciles. Tamén recibiu ao Nuncio Apostólico con solemnidade e afecto, e despediu a don Julián Barrio no Concello cunha emoción que transcendeu o protocolo, nun acto cargado de simbolismo e recoñecemento á súa labor pastoral.
Evencio participou coa comunidade na inauguración do Ano Xubilar da Milagrosa, compartindo a alegría da comunidade cristiá nun momento histórico para a Parroquia. Estivo presente no Fogar Dona Basilisa e participou no Centro Día de Berdillo acompañando aos maiores, celebrando a identidade parroquial e a forza das aldeas. Estes xestos amosan que nunca deixou de ser parte activa da vida que latexa en cada recuncho de Carballo.
Desde esta casa parroquial, queremos dicirlle grazas. Grazas por camiñar con nós, por escoitar, por apoiar, por crer na forza da comunidade. Que San Xoán te siga guiando no novo camiño que emprendes, e que Carballo nunca esqueza que detrás do alcalde houbo sempre un home de palabra e de pobo.
José García Gondar é o párroco de Carballo.