En acaba de constituírse a Asociación de Amigos da Banda de Música, unha entidade que conta por agora con catro socios que está empezando a traballar para apoiar en todo o que poidan á banda municipal. Son Ángel Luis Alejandro, Antonio Ares, José Ignacio Rodríguez e Ramón Insua Cores (Cee, 1942). Insua é o presidente da nova asociación.
-¿Como xurdiu a idea de crear esta entidade?
-A asociación tiña que habela hai tempo, pero por varias circunstancias retrasouse. A idea vén de lonxe. Os catro que estamos nela fomos os da comisión de festas da Xunqueira de 1971, un grupo de amigos que decidimos montar isto.
-E xa teñen a asociación dada de alta e os papeis listos.
-Levamos desde febreiro preparando iso, e hai pouco chegaron os estatutos aprobados.
-¿Que queren facer desde a asociación?
-Pensamos en facer unhas charlas, traendo directores de bandas de categoría para falar de cultura musical, tamén organizar noites de zarzuela e temos en mente organizar o memorial Manuel Rebollar, que foi un antigo director da banda.
-E todo para apoiar aos músicos locais.
-En calquera cousa que fagamos sempre contaremos coa banda de Cee. Agora xa está consolidada, pero queremos darlle un pulo máis, estar detrás para calquera cousa que necesite. Ideas temos moitas, agora a ver se conseguimos os apoios para levalas a cabo.
-¿Fixeron xestiones nesa liña?
-Xa falamos co alcalde e co director, e pareceulles ben a idea. Agora volveremos a falar co alcalde e tamén falaremos coas empresas da zona e prepararemos a forma de que quen queira poida asociarse.
-¿De onde lle vén o amor á música das bandas?
-Eu son moi amigo das bandas desde sempre. Cando hai festivais percorro case toda Galicia para escoitalas, Ponte Ledesma, Vila de Cruces e moitos máis. Onde haxa unha banda eu non quero orquestras.