«Agora vou colocar a biblioteca a ver se me cae unha pinga desa ciencia»

Juan Ventura Lado Alvela
J. V. Lado CEE / LA VOZ

CEE

Jorge Parri

O relixioso acaba de xubilarse e fai memoria das parroquias polas que pasou

14 nov 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

LO sacerdote e arcipreste de Duio, Manuel Vázquez Formoso, que acaba de xubilarse con 81 anos, fai memoria do traballo realizado e do seu paso polas distintas parroquias nas que estivo, a última Santa María de Cee, onde, por exemplo, participou na creación do museo da Fundación Fernando Blanco, a renovación da igrexa ou o labor de Cáritas da que hoxe dependen 43 familias e outras 32 reciben comida a diario grazas a voluntarios e a solidariedade.

-¿Cal foi o seu primeiro destino despois do seminario?

-Fun para a zona de Ribeira como vicario e estiven cinco anos. Alí comezou todo cando Castiñeiras aínda non era parroquia, dependía de Ribeira. Participei na fundación do colexio Galaxia porque non había instituto e os rapaces tiñan que ir a Pontevedra ou a Santiago. O señor Ángel Ron e a súa dona investiron todo no colexio para solucionar isto. Tamén creamos a emisora de radio parroquial, A Voz de Ribeira, que emitía para toda a ría de Arousa. Foron tempos de movemento, de moito traballo, pero tamén que recordo cun gran cariño porque Ribeira foi o primeiro amor. Tamén funcionaba Cáritas e era unha parroquia moi espléndida porque naqueles tempos aínda había moitos maiores sen pensión e cunha chamada esa necesidade quedaba cuberta. Uns rapaces crearon a Festa da Dorna, que era o sorteo de cinco dornas para mariñeiros, normalmente maiores, que non tiñan posibilidades.

-¿Por onde seguiu o camiño?

-Collín concurso e fun xa como párroco para Pravio de Cela, ao lado de Cambre. Alí estiven pouco tempo, catro anos e pico, pero tamén os lembro con moito cariño. Era unha parroquia rural e obreira na que a xente traballaba toda a semana na Coruña e os domingos viñan para traballar nas hortas. Loitamos o que puidemos coa Extensión Agraria para renovar e abrir camiños. Había necesidade de comunicar os tres núcleos: Cela, Pravio e Armental porque era un camiño moi fondo cheo de lama no que había que ir pousando o cadaleito nas paredes e aproveitei aquilo para reclamar. Querían facer tres directivas, unha por cada lugar, e díxenlles que eu a iso non xogaba. Acabaron traballando todos xuntos e conseguiuse a unión que facía falta. Cando cheguei recibíronme doce persoas e cando marchei estaba a igrexa chea. Traballaban todos os domingos e funos convencendo de que lles facía falta outro ritmo de vida, non para que viñeran á misa que a misa facíaa igual, pero para poder comer coa familia... Tratáronme moi ben. O día que cheguei co camión e os mobles había alí cinco señores que non coñecía de nada que estaban montando todo. Cando marchei, ao chegar a Vilaboa tiña a cea feita e a televisión acesa.

-¿Como lle foi en Rutis-Vilaboa?

-Estiven 12 anos e pico, os dous últimos tamén como profesor do que entonces se chamaba Universidade Laboral. Loitamos moito pola expropiación de terreos da AP-9 e conseguimos 200 millóns de engadido sobre o que ofrecían, dende O Burgo ata o límite coa Coruña. Despois tiña previsto co arcebispo Ángel Suquía ir para Noia, pero por diferentes circunstancias -tamén había outro sacerdote que quería ir para alí porque lle quedaba cerca da casa- firmei para Cee. Viña coa idea de quedar 10-12 anos e acabei botando 34, porque tamén pasaron cousas como o falecemento de miña nai [a seu pai non o coñeceu porque morreu na Guerra Civil] que está enterrada en Lira onde temos panteón. Era tal o comportamento e a entrega total da parroquia que parecía unha traizón marchar e aquí a acabei, o domingo pasado, este non, o anterior. Agora estamos na reserva.

-¿En que vai empregar o tempo?

-En min. Estarei para botar unha man no que se poida, pero teño a casa na estrada de Caneliñas e vou colocar a biblioteca porque teño moita ciencia almacenada nese despacho e a ver se me cae a min unha pinga desa ciencia que aínda me fai falta [sorrí]. Despois a coidarse, que a saúde tampouco é moi boa, e a pasar o pouco tempo que nos poida quedar aquí.