Os mundos de agora

Natalia Lema Otero ECOS DA GÁNDARA

CEE

16 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Os vellos sempre din que os tempos están demudados, que os mundos de agora non son coma os de antes. O pasado martes, no auditorio de Cee, presentouse o último libro de Lois Oreiro con este título. Un ensaio sobre a era tecnolóxica que ás veces nos enriquece e ás veces nos coarta e nos induce a deshumanizarnos. Deixamos de ser protagonistas e somos reporteiros da nosa propia vida.

Aquela tardiña, nun Cee que rebulía de viandantes, presenciei unha intervención interesante e francamente produtiva. Nos asentos había un público ben diverso: mozos e novos. O volume, como di o autor, é para idades e perfís antónimos: para os de Cee, os de Pudenza ou os directivos de Silicon Valley. Máis aló das butacas, fixeime na mesa dos poñentes. O escritor estaba formidablemente acompañado de dúas mulleres: Margarita Lamela e Isabel Ares.

Margarita, avogada, política e alcaldesa nun tempo onde ser muller e ter un cargo público aínda se somete a escrutinio desigual con respecto ao xénero contrario. A outra muller, Isabel Ares, coñézoa ben. Incansable traballadora, precursora de múltiples proxectos culturais e embaixadora predilecta das franquías Ler. Ela é a persoa que leva todo o verán organizando presentacións en tempos convulsos, dándolle voz a autores noveles e a outros de best-seller. Todo isto dispensándolle o mesmo trato, a mesma empatía e a mesma idea filantrópica de achegar a literatura e a cultura á xente do común.

Isabel loita cada día con xigantes. Algúns deles son o Goliat de Amazon ou o Goliat do pirateo de ebooks. Mais non decae. Continúa a súa particular cruzada namentres nos entrega os libros coidadosamente envoltos en papel amarelo e lila como se fose mesmísimo tafetán.