





































¡INCLÚE ÁLBUM DE FOTOS! O auditorio Baldomero Cores de Cee acolleu a entrega de galardóns do certame promovido por La Voz
18 dic 2022 . Actualizado a las 05:00 h.«Contos de Nadal entrou na idade adulta. É xa unha das citas clásicas do tempo de Nadal da Costa da Morte». Margarita Lamela, alcaldesa de Cee, reivindicou así este sábado o certame promovido por La Voz e Radio Voz, e cuxa entrega de premios acolleu o auditorio Baldomero Cores da Casa da Cultura da localidade. Nenos premiados nesta 19.ª edición, familias, responsables educativos e municipais acompañaron un acto cargado de mensaxes. Sinda Cundíns, directora do colexio Labarta Pose de Baio, no que estuda a gañadora do primeiro premio, Mariña Vázquez, amosou o seu orgullo como mestra. «Sempre lles digo que son unha clase con moito talento»: do natural, pero tamén do adquirido con «traballo e esforzo».

Chamou a ler para forxar unha boa escrita: «A lectura ábrenos as portas ao coñecemento. Dános ás para voar a imaxinación, para as emocións. A lectura é maxia, anímanos a viaxar». Estendeu os seus parabéns aos participantes e a La Voz por un certame «tan motivador».

Judith Fernández, directora xeral de Ordenación e Innovación Universitaria, incidiu: «Falar de contos é falar de emocións». Quixo «poñer en valor o fomento da creatividade e da imaxinación nas etapas de infantil e primaria», mesmo como recurso «para afrontar problemas, asumir erros e buscar solucións». «Os contos —afirmou— non serven só para entreter. Transmiten tradicións. Aportan valores, axudan a aprender, a escoitar, a pensar», abundou. Eses intres de lectura das familias cos máis pequenos, dixo, mesmo teñen o poder de deter «a vida acelerada», de darlles aos adultos «outras gafas». Felicitou Fernández aos premiados e alentounos a seguir cultivando este talento «que vos vai dar momentos de satisfacción».

Para eles pediu Lamela un aplauso. Dez galardóns dos que a rexedora desexou que fosen «motivación». Tal e como lembrou, en Cee saben da importancia deste tipo de iniciativas, pois levan «máis de trinta anos» organizando concursos literarios de achegamento ao libro, dende a biblioteca Franscisco Mayán. Cee, dixo Lamela, é «un concello comprometido coa cultura, coa educación, coa excelencia». É a terra, lembrou, do filántropo Fernando Blanco, «visionario», fonte dun legado educativo de valor «incalculable». Sete centros educativos, cifrou, ten o municipio, abranguendo todas as etapas, un carácter de centralidade que reafirma o ser sede das probas Abau. «Estamos felices de acoller hoxe esta entrega de premios», concluíu Lamela agradecendo á organización e empresas colaboradoras.

E de felicidade falou asemade Xosé Luís Vilela, director de La Voz de Galicia. «O mellor que me pasou o venres foi ler a doble páxina que hoxe publica o xornal cos vosos contos», confesou. Amosouse «emocionado», por ter descuberto mundos marabillosos, pero tamén por ter viaxado, grazas aos textos, a escenas familiares. O sorriso de Nadal, primeiro premio, mencionaba ao Apalpador, ese ser dos Ancares que en noites de Nadal apalpaba a barriga dos nenos para saber se comeran, deixando algún xoguete de madeira e unha presa de castañas. Sempre, a mesma despedida: «Así, así esteades todo o ano». «Meu avó díxome un día: ‘Pon a man no bandullo: que a terra e o mar dean a túa fartura’, ‘Pon a man na cabeza: que os pensamentos que vaian ao teu maxín sexan bos para ti e para todos os demais’, ‘Pon a man no corazón: cantas máis persoas boas teñas aí dentro máis felicidade vas ter’». Así, Vilela pediu as presentes este sábado que levasen a man ao corazón: «Xa estades no meu, xa son feliz. Que así, así esteades todo o ano».

Historias e contos, pois, para unha velada na que tamén houbo risas co narrador Fran Campos e a súa amiga Filipa —levaron ata Cee as historias dunha mora, do neno Lolo e dun hipopótamo curioso—, e música de raíz e de acordeón, con Manuel Alejandro Pérez, Mario Caamaño, Jesús Muíño e Pablo Canosa. Interpretaron os tres primeiros, con gaitas e tamboril, Muiñeira do Morrazo e Polca Pequerrecha. Canosa, do seu lado, ofreceu Adiós Nonino, de Piazzola, e The Waltz of the Monsters, de Tiersen.
