Un fonógrafo en Cee, tan só trece anos despois da súa invención

darío areas domínguez MUSEO FERNANDO BLANCO

CEE

Arquivo Museo Fernando Blanco

Crónicas do pasado | Moitos dos aparellos dos departamentos de Física e Química do instituto Fernando Blanco non chegaron á actualidade. Outros, si, e poden verse no museo do mesmo nome

02 jul 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Poucos inventos como o protagonista deste artigo foron obxecto de tanta polémica no que respecta ao seu creador. En realidade, o primeiro en inventar un sistema para gravar sons foi o norteamericano, de orixe francesa, Édouard-Léon Scott de Martinville, quen no 1856 creou o fonoautógrafo. Con el fixéronse os primeiros rexistros gráficos da voz humana, aínda que non permitía reproducir mecanicamente o son.

No tocante ao fonógrafo, a versión máis aceptada entre os historiadores é a que sinala que o seu inventor foi o norteamericano Thomas Alva Edison no 1877, aínda que hai quen defende que foi obra do francés Charles Cros. Tamén se fala de autoría compartida... Pero non é asunto desta pequena reseña dilucidar quen está no certo.

No que non hai discusión é en que o fonógrafo converteuse na primeira máquina capaz de gravar e reproducir os sons musicais e a palabra articulada emitidos diante del. E tan só trece anos despois deste fito histórico, durante o curso académico de 1890-1891, un fonógrafo chegaba ao Instituto Fernando Blanco de Cee para formar parte da dotación de material didáctico dos gabinetes científicos, procedente, case na súa totalidade, de dúas casas especializadas da capital francesa.

Este exemplo é unha clara e evidente mostra da extraordinaria colección de aparatos que arribaron, a finais do século XIX, á nosa vila, para que os docentes puidéranos empregar como material de apoio á hora de explicar as materias de Física e Química que se impartían no recentemente estreado instituto de Cee.

O Instituto Fernando Blanco era toda unha referencia, non só polas magníficas instalacións ou polo profesorado chegado dende moi diversos lugares, senón tamén por todo ese instrumental co que só podían contar os mais reputados e prestixiosos centros educativos do país.

O Regulamento Segunda Ensinanza, de maio de 1859, xa establecía no seu artigo 118 que, entre outras cousas, os institutos debían contar con «un gabinete de física y un laboratorio químico con los aparatos e instrumentos indispensables para dar con fruto estas enseñanzas». O gabinete de Física do Instituto Fernando Blanco contaba inicialmente con 277 aparellos agrupados en 10 seccións, mentres que o laboratorio de química dispoñía de 25 instrumentos de cristal e vidro graduados, uns 200 obxectos de vidro soprado, máis de 270 de vidro común, uns 50 de gres e refractarios, outros tantos de porcelana e unha boa colección de montaxes completas para a práctica experimental que se desenvolvía.

Co paso dos anos, estas coleccións iniciais fóronse incrementando, pero tamén é certo que moitos dos aparellos, por desgraza, non chegaron á actualidade. A máquina de vapor de James Watt, a pila de Volta, o vibroscopio de Duhammel, o fenaquisticopio de Plateau, a marmita de Papin ou o alambique de Salleron son só seis exemplos desa compra inicial e que se poden ver hoxe en día no primeiro andar do Museo Fernando Blanco de Cee.

Volvendo ao fonógrafo de Edison que custodia a Fundación, vemos que consta esencialmente dun tambor cilíndrico disposto horizontalmente e sostido por un eixo rematado nun manubrio. O cilindro pode moverse mediante o paso de rosca ou parafuso aberto nunha extremidade do eixe, xirando e avanzando ao mesmo tempo.

Sobre o cilindro, que presenta unha regaña helicoidal, adáptase unha folla de papel de estaño ou cobre. O son que se quere gravar fai vibrar unha membrana e esta un punzón que deixa a súa pegada no papel metálico. Se a continuación colocamos o tambor cilíndrico na súa posición orixinal e o facemos xirar, reprodúcense na membrana os sons inscritos que, xeralmente, amplifícanse cunha bucina.

En décadas posteriores, o fonógrafo foise perfeccionando, e o único invento que puido competir con el foi o gramófono de Emile Berliner, o cal patentou o uso de discos planos en vez de cilindros, pero a tecnoloxía usada por estas dúas máquinas esencialmente é a mesma. E é tamén a mesma tecnoloxía que, case un século e medio despois, úsase nos tocadiscos que seguen vixentes nas mans de numerosos nostálxicos do vinilo.

A primeira peza musical que Edison reproduciu co seu fonógrafo foi a coñecida canción infantil Mary had a little lamb. Gustaríame estar presente o día no que por primeira vez se puxo o funcionamento no Instituto Fernando Blanco.... Debeu ser todo un acontecemento.