
Hai uns días, tiven o pracer de coñecer a Rocío Leira en persoa nos premios Vákner que organiza este xornal. Digo no plano real porque no virtual témonos intercambiado mensaxes algunha que outra vez. Incluso me ten felicitado de algún certame ou recoñecemento meu, aínda sen coñecerme. Persoas así son modelos a promulgar. Leira non é só unha escritora consolidada, é ademais unha das máis prolíficas que hai en Galicia, a pesares de non buscar publicidade a través de redes, como facemos moitos de nós para divulgar os nosos traballos.
Se me din que escritoras teño de referentes, diría Arantza Portabales, Emma Pedreira e dende logo estaría ela. Custa ver xente tan comprometida ca cultura galega, sen delirios de grandeza nin egos desorbitados. Rocío é desas persoas coas que che apetece tomar un café e destripar todos os libros que unha ten na mesiña a medio ler. O que máis me gusta de escribir é sentir que non hai realidades imperantes, senón perspectivas infinitas. Encántame a sororidade entre mulleres. Alegrarnos dos éxitos que todas temos, hai simplemente persoas que son vitamina. Decátaste ao instante.
A min quédame un camiño longuísimo para ter a calidade desta escritora e non falo dende a modestia. Mais se quixese ter un referente, veríame reflectida nese espello. No das literatas que dende un cachiño de Cee como é a Pereiriña poden conquistar premios tan relevantes como o Jules Verne. O que máis me sorprende da rapaza é que é matemática e escritora. Dous paralelos raramente próximos. Vexo pois que tamén lle gusta derruír eses clichés que a miúdo nos queren definir por antonomasia. Demostra así ela que non hai cancelas, nin para as cifras, nin para as letras.